Carmela Silva: "O teletraballo nada ten que ver coa conciliación"

Pontevedra
04 de xullo 2020

A Deputación de Pontevedra organiza unha conferencia a través de internet para abordar o teletraballo e as novas tecnoloxías con perspectiva de xénero, así como reflexionar sobre o novo marco de actuación e o estado actual desde unha perspectiva feminista

Unha muller traballando cun ordenador Parlamento Europeo

"O teletraballo nada ten que ver coa conciliación", así o dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que cre que "hai que regular o teletraballo atendendo a políticas sociais e respecto ás condicións laborais, pero tamén con perspectiva de xénero".

A Deputación de Pontevedra organiza unha conferencia a través de internet para abordar o teletraballo e as novas tecnoloxías con perspectiva de xénero, así como reflexionar sobre o novo marco de actuación e o estado actual desde unha perspectiva feminista.

Trátase dunha acción en formato en liña, a través da Escola de Igualdade María Vinyals que terá lugar o vindeiro xoves día 9 de xullo ás 10:00 horas a través da plataforma Zoom.

Este venres en rolda de prensa, Carmela Silva alertou á cidadanía para "que a implantación das novas tecnoloxías no mundo do traballo non signifique que as mulleres teñamos que volver estar co teletraballo e coidando".

"O teletraballo é un tema que me preocupa especialmente. Creo que as novas tecnoloxías teñen que ser aplicadas sempre con perspectiva de xénero", insistiu a presidenta provincial.

Carmela Silva subliñou que "o teletraballo nada ten que ver coa conciliación porque cada vez que falamos desta cuestión facémolo de mulleres traballando e coidando no fogar, cando é de corresponsabilidade do que se debería falar, con mulleres e homes traballando, desenvolvendo a súa profesión e tamén coidando aos maiores, aos nenos e ás nenas, e aos dependentes".

"Me preocupa que se estea ensalzando tanto o teletraballo ligado á conciliación",engadiu Carmela Silva. "As mulleres costounos moitísimo sair da casa, do privado, estudar, formamos, desenvolver unha carreira profesional e ocupar postos de responsabilidade de alta dirección. O teletraballo, que chegou co coronavirus, volveu a recluírnos na casa a todas e a todos pero, quen tivo que compaxinar o seu traballo cos coidados? Os datos o din: o 75% das mulleres e, polo tanto, hai que estar alerta para que coa crise sanitaria as mulleres non retrocedamos nos nosos dereitos".

O tema será abordado nesta conferencia da Escola María Vinyals que, debido á situación derivada da pandemia da covid-19, tivo que adaptar a súa actividade formativa. Como relatores participarán Teresa Empar Augado Bloise, profesora do Departamento de Socioloxía e Antropoloxía Social da Universidade de Valencia; Maite Egoscozabal, responsable de investigación social no Club de Malasmadres e Ana Belén Valiño Alonso, secretaria xeral de UXT- FICA.

Estará moderado por Ana Fuentes Crego, xornalista e unha das fundadoras do grupo Sumamos Rede de Mujeres Profesionais.