Case 75.000 euros para iluminar Caldas nas festas de verán e no Nadal

Umia
21 de maio 2024

"Queremos que as rúas de Caldas estean cheas de vida", asegura o goberno municipal. De aí que tomaran a decisión de incrementar o orzamento para a iluminación pública para as festas de verán e de Nadal. A este fin destinarán este ano case 75.000 euros

Iluminación de Nadal en Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

"Queremos que as rúas de Caldas estean cheas de vida", asegura o goberno municipal. De aí que tomaran a decisión de incrementar o orzamento para a iluminación pública para as festas de verán e de Nadal. A este fin destinarán este ano case 75.000 euros.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destaca que a subida do orzamento ten como obxectivo mellorar a decoración festiva e o embelecemento dos espazos públicos da vila termal.

Buscan así contribuír ao impulso turístico e comercial, fomentando a actividade económica da vila mediante unha iluminación "singular e innovadora" que resulte atractiva tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

Ademais, o Concello quere fomentar a innovación e a sustentabilidade a través do uso de novas tecnoloxías máis eficientes.

Para elixir a empresa adxudicataria valoraranse as mellores ofertas económicas, pero tamén se terán en conta as propostas e deseños que dean personalidade propia a cada espazo.

Así, o tenente de alcalde lembrou que na pasada edición das festas de Nadal as bólas de neve, os arcos variados, o gran pingüino da Praza José Sexto Casal, o paraugas de luces que se puxo na Plazuela ou o 'photocall' situado da Praza das Palmeiras foron un éxito entre a veciñanza. 

O nacionalista subliñou a mellora e a eficacia do investimento para iluminar máis de 40 rúas, prazas e xardíns, engalanando o espazo público e facendo de Caldas unha vila de referencia. 

Detallou que no contrato non só se inclúe a subministración e montaxe dos elementos (arcos, rótulos, grilandas e outros obxectos en tres dimensións), senón tamén os traballos previos para a súa posta en marcha, o mantemento e a desmontaxe e retirada.

Para Fariña, sacar a licitación o contrato da iluminación festiva nestes momentos supón adiantarse con respecto a outros anos e dispoñer de tempo suficiente para valorar a calidade das propostas "coa calma que merece un elemento tan importante para as festas da vila".