A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) vén de dar un novo paso para incrementar a oferta de vivenda protexida en Valdecorvos coa adxudicación do contrato para converter en catro vivendas os baixos dos bloques 1 e 3 da parcela 13.
O arquitecto Germán Gómez Espejo será o encargado da redacción do proxecto e a dirección de obra.
O proxecto, que conta cun orzamento de 41.745 euros, deberá presentar o seu deseño básico nun prazo de dous meses tras a sinatura do contrato, mentres que o proxecto de execución terá que estar listo nos tres meses seguintes.
Esta actuación do departamento que dirixe a conselleira pontevedresa María Martínez Allegue súmase ao plan de vivenda pública que a Xunta está a desenvolver en Valdecorvos, onde actualmente ten 182 vivendas en diferentes fases de execución. En decembro de 2024 adxudicaba a redacción do proxecto para a construción de 48 vivendas neste espazo do municipio.
Do total, 74 unidades atópanse xa nunha fase avanzada de construción, mentres que as 108 restantes contan cos proxectos construtivos adxudicados.
Os plans da Xunta para esta zona de Pontevedra seguirán centrándose neste punto da cidade, xa que o Goberno galego prevé edificar outras 118 vivendas de promoción pública en tres parcelas pendentes de cesión por parte do Concello: unha en Valdecorvos e as outras nas unidades de actuación 7 e 15.
Unha vez se formalice a cesión destes terreos, segundo indican desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, procederase á licitación dos correspondentes proxectos.