Máis de medio centenar de nenos e nenas do campamento de verán Concilia de Marín participaron este xoves nunha xornada didáctica para coñecer de preto os oficios, recursos e posibilidades de futuro vinculadas ao litoral galego.
A actividade, desenvolvida no CEIP do Sequelo, forma parte do programa Movemento Azul, impulsado pola Consellería do Mar para achegar a cultura marítima ás novas xeracións.
A iniciativa contou coa visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, que se achegaron ata o colexio para coñecer o desenvolvemento dos obradoiros incluídos baixo o título Un Mar de Profesións.
A proposta está dirixida a escolares de entre 7 e 11 anos e busca mostrarlles que o mar é, ademais dun elemento esencial da identidade galega, un ámbito con oportunidades profesionais e de innovación.
Durante a xornada, os participantes percorreron diferentes espazos interactivos nos que puideron descubrir o traballo de pescadores, mariscadores, investigadores e profesionais da navegación. Os obradoiros están deseñados para combinar aprendizaxe e diversión mediante actividades prácticas adaptadas á idade dos escolares.
Nunha das estacións, os rapaces achegáronse ao labor dos pescadores e mariscadores, aprendendo a medir especies como ameixas e berberechos con calibres reais e coñecendo a importancia das artes de pesca sostibles. Tamén descubriron técnicas tradicionais como o palangre ou o trasmallo.
Outro dos espazos estaba dedicado á observación científica, onde o alumnado puido identificar especies propias do litoral galego e afondar no coñecemento da biodiversidade mariña a través de xogos de observación e clasificación.
A terceira área centrouse na navegación, onde os participantes aprenderon conceptos básicos relacionados co uso de cartas náuticas, regras e compases para deseñar rutas e interpretar percorridos marítimos.
Como remate da actividade, cada participante completou o seu propio Pasaporte de profesións do mar, un documento simbólico co que se recoñece o seu coñecemento sobre os recursos mariños e o compromiso coa súa protección.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.