Cerdedo-Cotobade volverá encherse de cor, música e moita imaxinación este Entroido cunha dobre cita festiva pensada para todos os públicos.
O Concello aposta un ano máis polos concursos de disfraces como prato forte dunha programación que terá dúas paradas: o domingo 15 en Cerdedo e o sábado 21 en Carballedo.
A primeira celebración desenvolverase no Novo Local Social de Cerdedo a partir das 17.00 horas.
Unha semana despois, o sábado 21, a festa trasladarase a Carballedo, onde a comitiva sairá ás 17.00 horas da Praza da Chan para percorrer as rúas entre bailes e animación ata rematar no pavillón municipal.
En ambos escenarios haberá música para bailar, xogos, ludoteca, obradoiros, pista de obstáculos, a popular barredora humana e inchables, garantindo unha tarde de diversión para toda a familia.
Os concursos están abertos a todas as idades e inclúen cinco categorías: individual infantil e parella infantil (para menores de 16 anos), individual adulto e parella adulto (para maiores desa idade) e grupos do concello, que deberán estar formados maioritariamente por persoas empadroadas no municipio.
As persoas que participen de xeito individual ou en parella poderán anotarse mesmo o día da festa, mentres que os grupos teñen de prazo ata o 13 de febreiro ás 12.00 horas se queren desfilar en Cerdedo ou nas dúas xornadas, e ata o 20 de febreiro ás 14.00 horas se optan só pola cita de Carballedo.
No apartado de premios, haberá un galardón por categoría nas modalidades infantil e adulta. Na infantil concederanse 50 euros ao mellor disfrace individual e 75 euros á mellor parella; na de adultos, as contías serán de 75 e 100 euros, respectivamente.
No caso dos grupos, as achegas económicas variarán segundo o número de compoñentes e a participación nun ou nos dous desfiles, con cantidades que poden chegar ata os 250 euros para as comparsas máis numerosas que participen en ambas datas.
A organización limitará a participación a dez grupos, por orde de inscrición ou ata esgotar o orzamento previsto.
O xurado terá en conta aspectos como o deseño e a elaboración do vestiario, a orixinalidade e a posta en escena durante o desfile. O veredicto será definitivo e os premios aboaranse mediante transferencia bancaria, entregándose diplomas acreditativos no transcurso da festa.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou a importancia desta celebración, que valorou como unha das máis queridas pola veciñanza e unha oportunidade para dinamizar a vida social e cultural do municipio.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.