O Concello de Cerdedo-Cotobade traslada unha carta a cada unha das comunidades de montes afectadas polo proxecto de implantación do parque eólico Siroco, promovido pola entidade Greenalia Wind Power Tramontana S. L. U. que tramita o Ministerio de Transición Ecolóxica para informar que acaba de entrar en fase de exposición pública por período dun mes.
Este proxecto afectaría as parroquias de Corredoira, Carballedo, San Xurxo e Santa María de Sacos, así como a Cerdedo a liña de evacuación. A intención dos promotores é instalar un total de 11 aeroxeradores cun investimento aproximado de 52,5 millóns de euros.
Para presentar alegacións, as persoas ou entidades veciñais que así o consideren oportuno deberán facelo nas dependencias da área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a través do Rexistro Electrónico da Administración Xeral do Estado, que é a competente nesta materia.
Para iso, o Concello de Cerdedo-Cotobade pon ao dispor dos interesados o asesoramento técnico municipal de medio ambiente.