O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo? Ese será o contundente lema baixo o que a Deputación de Pontevedra conmemorará este ano o 25N, o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Na presentación de toda a programación que se desenvolverá nas próximas semanas, o presidente provincial, Luis López, destacou que o obxectivo desta campaña é que toda a sociedade "poña lentes con perspectiva feminista" para detectar o machismo.
A cidadanía debe ter unha "mirada axeitada" sobre a violencia machista, defendeu López, que apelou a que todas as administración desenvolvan un traballo "transversal" nesta materia.
"Neste goberno traballamos os 365 días do ano desde a unidade, coa complicidade de todos e coa mirada posta en tender pontes cara a igualdade e conseguir unha vida libre de violencias machistas", reiterou o titular da Deputación.
A reivindicación contra as violencias machistas "non poden quedar nun día", engadiu Luis López, de aí que o seu goberno deseñara una ampla programación que comezou este venres coa instalación do panel coa imaxe da campaña no Pazo Provincial.
Tamén neste mesmo mes de novembro terán lugar actividades para espallar a igualdade e concienciar para eliminar as violencias machistas en colexios de Vilagarcía, Vigo, A Illa de Arousa e Poio, onde se celebrarán sesións do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?.
Presentarase ademais un mural realizado pola artista Alba Troiteiro no Centro Penitenciario da Lama e continuará o programa Aquí Faltan Páxinas visibilizando a historia de Juaniña, Juana de la Cruz Domínguez, no Porriño, e das nais contra a droga en Vigo.
Os actos incluirán a entrega dos II Premios ás Boas Prácticas en Igualdade, un obradoiro para coñecer as achegas das mulleres á sustentabilidade do mar no CEIP de Atín-Cela, en Mos; e unha actividade da Cátedra de Feminismos na sede da Deputación en Vigo.
Ademais, iluminarase de morado as sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 26 de novembro e o propio 25N terá lugar un acto institucional no que se lerá un manifesto e se presentará o anuncio da campaña deseñada pola Deputación para este ano.