Aínda que o mal tempo alterou os seus plans, o Apalpador regresou a Pontevedra polo Nadal.
Moitos foron os nenos e nenas que, a pesar da choiva, non quixeron perderse a cita cun dos personaxes do Nadal máis populares da tradición galega.
A xornada comezou cunha festa infantil, coordinada por Migallas Teatro, no Centro Social A Pedreira, para animar as primeiras horas do día.
O que tivo que suspenderse, pola súa banda, foi a coñecida como 'Ruada do Apalpador'.
O percorrido do séquito tiña previsto saír do Gorgullón e facer paradas en varios enclaves céntricos da cidade.
Pero debido á choiva, viuse obrigado a quedar reducido a un encontro cos máis pequenos da casa na Praza da Verdura.
Na Casa da Luz, ademais, houbo unha recepción para quen quixo pedirlle os seus agasallos.
A música de Pandereteiras do Gorgullón animou este encontro no que, demais, houbo unha pequena degustación gastronómica para os asistentes.