Combarro dá a benvida a unha nova edición da Festa do Mar

Poio
23 de agosto 2017

A zona portuaria da Canteira acolleu este mércores a inauguración da XVII Festa do Mar de Combarro, coa apertura da mostra gastronómica. Ata o domingo espera "un dos programas máis ambiciosos" dos seus 17 anos de historia, segundo sinalou o concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez 

XVII Festa do Mar de Combarro PontevedraViva

A zona portuaria da Canteira acolleu este mércores a inauguración da XVII Festa do Mar de Combarro, coa apertura da mostra gastronómica.

Desde o primeiro momento a carpa gastronómica encheuse de visitantes para gozar dun dos tres puntos clave da festa, xunto á programación musical e a concentración de embarcacións tradicionais.

Ata o vindeiro domingo 27 de agosto o que se achegue a Combarro poderá gozar de "un dos programas máis ambiciosos da Festa do Mar ao longo destes 17 anos", recoñeceu o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luís Martínez.

En canto á música, David Civera será o primeiro subir ao escenario da Praza da Chousa, este mesmo mércores a partir das 23:00 horas. Continuarán á mesma hora e lugar, o xoves 24 con Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre e Radio Cos, mentres o venres 25 e o sábado 26 será quenda do Festival Armadiña Rock con grupos como Heredeiros da Crus ou Def con Dos, entre outros.

O domingo 27, a orquestra Capital pechará os concertos da Festa do Mar, cunha oferta musical que se completa coa V Mostra da Canción Mariñeira.