Combarro, o gran referente co que Poio acudirá este ano á feira Fitur

Poio
18 de xaneiro 2026

O municipio estará presente na feira por terceiro ano consecutivo, cun espazo promocional permanente, unha presentación sobre Combarro e unha intensa axenda de encontros profesionais

Espazo promocional de Poio en Fitur

Poio volverá contar cun expositor nun lugar privilexiado na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), xunto á caseta de Galicia, que mostrará catro grandes facetas dun "destino único" como son a natureza, o patrimonio, o mar e a gastronomía.

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, encabezará a representación institucional que acudirá a Madrid e manterá encontros con empresas e profesionais do sector de ámbito nacional e internacional.

O obxectivo é abrir novas vías de colaboración, mellorar o coñecemento do destino nos mercados internacionais, particularmente nas variantes xacobeas, e seguir avanzando na captación de visitantes fóra da tempada alta.

"A feira de turismo máis importante é unha oportunidade crave para explicar de primeira man todo o que Poio pode ofrecer, establecer contactos estratéxicos e seguir traballando por un turismo sostible, diversificado e desestacionalizado", explicou Cochón.

Así, Poio protagonizará unha presentación baixo o título "Combarro - Poio: Pobo Máxico", que terá lugar o mércores 21 ás 16:20 horas, na caseta da rede Pobos Máxicos de España.

Durante o acto proxectarase un vídeo promocional e intervirá o alcalde para pór en valor o conxunto histórico de Combarro como un dos grandes referentes patrimoniais e turísticos de Galicia, así como a súa integración nun municipio cunha amplísima oferta turística.

Con respecto ao espazo promocional, renovado para a edición de 2026, permite mostrar de maneira visual e directa algunhas das principais fortalezas de Poio como destino turístico de calidade para visitar durante todo o ano.

Presenta un percorrido visual pola natureza de Poio, representada polo Bosque de Colón; o patrimonio, co conxunto histórico-artístico de Combarro como gran referente; ou o mar, poñendo en valor a paisaxe litoral con Tambo ao fondo, no corazón das Rías Baixas.

A gastronomía, representada pola imaxe das mariscadoras traballando a pé de ría, símbolo da calidade do produto local, completa este percorrido promocional.

Todo iso compleméntase co material informativo específico que se distribuirá durante a feira.

Desde o goberno municipal destacan que Poio "aínda ten moito percorrido" para seguir captando visitantes e entenden que esta feira" é un dos mellores lugares onde traballar por ese obxectivo".

"Temos un sector que crece en diversidade e calidade, e moitísimo que ofrecer ao mundo que se asoma a Fitur", sentenciou a responsable da área de turismo, que considera que "cada vez máis xente ten claro onde está Poio no mapa e inclúeo na súa lista de destinos obrigados".