Comezan as obras para dotar á rúa Médico Ballina de aparcadoiros

Pontevedra
07 de novembro 2020

A actuación, cun orzamento que ronda os 15.000 euros, tamén implica a rehabilitación dos circuítos peonís e a dotación de mobiliario urbano accesible nas zonas de esparexemento e descanso

Rúa Médico Ballina Diego Torrado

As concellarías de Obras Urbanas e Sostemento de Espazos Públicos, xestionados polos concelleiros Demetrio Gómez e Eva Vilaverde, teñen previsto iniciar o vindeiro luns, 9 de novembro, as obras na rúa Médico Ballina para dotala de zonas de estancia e servizo.

Isto implica a creación de prazas de aparcamento de servizos, a rehabilitación dos circuítos peonís e a dotación de mobiliario urbano accesible nas zonas de esparexemento e descanso. Esta actuación, que se enmarca no plan de actuacións do barrio do Burgo, ten un orzamento que ronda os 15.000 euros.

A creación destas novas zonas de aparcadoiro de servizos realizarase en sentido entrada en Pontevedra, posto que actualmente non existe ningunha entre os números 13 e 33.

Ademais, no treito comprendido entre os números 13 e 49, está previsto reparar o pavimento existente.

Pola información recabada polos servizos técnicos municipais, sábese que o recheo que se utilizou cando se urbanizou Médico Ballina foi de baixa calidade polo que, unha vez levantado o pavimento orixinal, estes traballos poderían supoñer unha actuación máis ampla da prevista co obxecto de todo o tramo quede en óptimas condicións.

En canto ao mobiliario urbano, repararase o xa existente a partir do número 35, arranxando as pezas de madeira e facendo accesibles os bancos existentes dotándoos de respaldos e repousabrazos.

Tamén se instalará novo mobiliario ao remate da obra, cuxa colocación se estudará conxuntamente coa Asociación de Veciños de Lérez.