O Concello de Poio adxudicou un novo proxecto de reurbanización na Caeira. As actuacións centraranse nas rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, onde a empresa Marconsa asumirá uns traballos valorados en máis de 755.000 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, salientou que esta intervención permitirá darlle un xiro a unha zona que presenta un notable deterioro.
O obxectivo, explicou, é converter este ámbito nun espazo máis cómodo, seguro e adaptado ás necesidades da veciñanza.
O plan contempla unha renovación completa da área, que vai desde a mellora do pavimento ata unha nova organización do espazo público.
Ademais, acometeranse importantes actuacións nas infraestruturas, como a instalación dun sistema de drenaxe actualizado, canalizacións soterradas e un novo alumeado.
Outro dos puntos importantes será a eliminación de barreiras arquitectónicas, facilitando así a mobilidade e accesibilidade para todas as persoas.
Neste marco, tamén se habilitará unha conexión peonil entre as rúas Río Sil e Río Tambre, aproveitando unha corredoira existente que será acondicionada con novo firme e escaleiras.
O espazo deportivo e infantil da contorna será renovado para converterse nun lugar de encontro interxeracional, con novas instalacións como un campo multideportivo, áreas de xogo e unha bancada.
Segundo destacou García, esta actuación non só permitirá modernizar as infraestruturas, senón tamén crear novos puntos de convivencia para o lecer e a práctica deportiva.
O proxecto conta co financiamento íntegro da Deputación de Pontevedra a través do plan +Provincia e forma parte do Plan A Caeira-Boavista, unha folla de ruta municipal que suma un investimento global de 3,4 millóns de euros e inclúe intervencións noutras localizacións do municipio.