Concentración feminista en Bueu para celebrar o Día da Muller o vindeiro martes

Bueu
03 de marzo 2022

Ademais deste acto que se celebrará o 8 de marzo, o Concello de Bueu tamén vai desenvolver unha programación de actividades, entre as que destaca un recoñecemento público á científica Isabel Pastoriza Santos, natural da vila, que recibía o Premio á Excelencia Investigadora 2021

Imaxe do vídeo de Cápsula de Igualdade que se estreará o 8 de marzo
Imaxe do vídeo de Cápsula de Igualdade que se estreará o 8 de marzo / Concello de Bueu

Con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Bueu elaborou un calendario de actividades, que era presentado este xoves pola concelleira de Igualdade e  Benestar Social, Ana Isabel Otero.

Esta programación comezará o 8 de marzo coa concentración feminista que se iniciará ás 12.00 horas na Praza do Concello. Alí darase lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data. 

O 11 de marzo está prevista unha homenaxe que promove o Club Golfiños na que se declarará "Bueuesa Senlleira" a Aurita Reiriz Otero, unha muller que foi fareira da Illa de Ons, ademais dunha das últimas tocadoras de pandeireta do municipio. O acto desenvolverase na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.

Destinada ao público infantil, o sábado 12 realizarase unha sesión de teatro ás 18.00 horas no escenario do Centro Social do Mar. Trátase da montaxe 'Conversas con Tana', dirixida a escolares de entre 5 e 12 anos, que ofrece unha conversación reflexiva, combinando humor e sensibilidade, sobre a igualdade de xénero.

Tamén está previsto que nas canles de Youtube do Concello de Bueu e nas redes sociais municipais publíquese un novo episodio de 'Cápsulas de Igualdade', un conxunto de audiovisuais de curta duración elaborados cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Neste capítulo, as profesoras de Economía na Universidade de Santiago de Compostela, Eva Aguayo Lorenzo e Nélida Lamelas Castellanos, tratarán conceptos como o "modelo de familia nuclear", o "teito de cristal", o "chan pegañento" ou a "división sexual de traballo", entre outros. A súa proposta céntrase en repensar a economía actual.

Ademais, coa colaboración do Cineclub Bueu, ofreceranse no Centro Social do Mar dúas películas de temática feminista: 'Hive', dirixida por Blerta Basholli, o 12 de marzo ás 20.00 horas; ademais do documental 'O retorno: a vida despois do ISIS', de Alba Sotorra, que se proxectará o 25 de marzo ás 21.00 horas.

Ao longo do mes programaranse diversos talleres sobre igualdade de xénero nos centros educativos,tanto de primaria como de secundaria.

ISABEL PASTORIZA SANTOS

O sábado 26, o Concello organizará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar un acto de recoñecemento a Isabel Pastoriza Santos, veciña de Bueu, que recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021, que outorga a Real Sociedade Española de Química.

Esta docente e investigadora da Universidade de Vigo traballa co seu grupo de investigación en proxectos que analizan o deseño e fabricación de  nanomaterias funcionais para o desenvolvemento de sensores  ultrasensibles, que se poidan empregar no campo ambiental e na nanomedicina.