Concorrida manifestación contra os festexos taurinos en Pontevedra

Pontevedra
09 de agosto 2014

A protesta percorreu o centro da cidade convocada pola plataforma cidadá 'Touradas Fóra de Pontevedra'. Contaba co apoio, segundo os organizadores, de máis de 60 colectivos

Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra'
Manifestación convocada por 'Touradas fóra de Pontevedra' / PontevedraViva

Co apoio, segundo os organizadores, de máis de 60 colectivos de diversos sectores, a plataforma cidadá 'Touradas Fóra de Pontevedra' protagonizou unha concorrida manifestación para esixir o fin dos festexos taurinos na cidade de Lérez.

Baixo o lema "a tortura non é arte nin cultura" a marcha percorreu varias rúas do centro da cidade, tras saír da Praza da Peregrina pouco despois das 20:00 horas.

A protesta coincidiu co terceiro día da Feira da Peregrina, unha feira que aseguran dende a plataforma cada vez esperta "menos interese".

'Touradas Fóra de Pontevedra' convocaba a manifestación "en defensa dos dereitos dos animais e contra a barbarie taurina", nunha cidade que se mantén como a única de Galicia que conserva unha praza de touros permanente.