Confían en que a Festa do Marisco do Grove sexa festa de interese internacional en 2024

O Salnés
10 de outubro 2023

Durante unha visita a este evento gastronómico, o delegado do Goberno en Galicia sostivo que o Concello "leva tempo traballando intensamente" na elaboración dun expediente "amplo e competitivo", polo que augurou que a edición de 2024 "inaugurarase xa con este recoñecemento"

Visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, á Festa do Marisco Delegación do Goberno en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, mostrouse convencido que a Festa do Marisco do Grove, que está a celebrar os seus sesenta anos de vida, será declarada de interese turístico Internacional en 2024.

Durante unha visita a este evento gastronómico, Blanco sostivo que o Concello "leva tempo traballando intensamente" na elaboración dun expediente "amplo e competitivo", polo que augurou que a edición de 2024 "inaugurarase xa con este recoñecemento".

"Esta festa conta con todos os ingredientes necesarios para esta distinción e con todo o apoio do Goberno para seguir crecendo como gran escaparate da Ría de Arousa e dos seus principais piares económicos: o turismo e o sector pesqueiro", apuntou.

O alcalde do Grove, José Cacabelos, destacou que en apenas cinco días de festa "levamos un ritmo que non está a sorprender a todos", demostrando que é un "produto turístico en si mesmo" e un "exemplo claro" da desestacionalización do sector.

Así, puxo en valor que o turismo e a pesca "van da man neste evento", demostrando que a Ría de Arousa é unha das máis produtivas de Galicia e que o seu marisco ten unha "garantía de calidade", cun evento que "claramente chama a toda Galicia".

A este compromiso con esta festa, Pedro Blanco sumou os 3,5 millóns de euros que o Goberno destinou a dous proxectos estatais "para transformar o turismo".

Un deles é o programa compartido por Sanxenxo e O Grove para converterse en destinos turísticos intelixentes, que conta cun investimento de 1,4 millóns; e o outro é o plan de sustentabilidade turística da Mancomunidade do Salnés, con outros 2,11 millóns.