O Concello de Sanxenxo traballa na elaboración dun novo prego de condicións para sacar a licitación o servizo de control de gatos rueiros, co obxectivo de reforzar a xestión sanitaria das colonias felinas do municipio e garantir a atención veterinaria urxente.
Esta iniciativa chega despois de que o anterior concurso quedase deserto.
Desde a Concellaría de Medio Ambiente, Servizos e Mantemento, que dirixe Yago Torres, sublíñase o esforzo realizado durante 2025 neste ámbito. Ao longo do ano levou a cabo a identificación, rexistro, esterilización, desparasitación e vacinación de 71 gatos rueiros repartidos polo municipio.
Torres quixo destacar especialmente a colaboración altruísta dos 31 voluntarios que, con autorización municipal, realizan tarefas de seguimento e coidados das distintas colonias felinas existentes nas sete parroquias de Sanxenxo.
O Concello insiste tamén na importancia da colaboración e a concienciación cidadá, especialmente para frear o abandono de camadas non desexadas.
Nos últimos anos detectáronse casos de gatos abandonados en colonias xa existentes, en colectores e noutros espazos públicos, unha práctica que está expresamente prohibida pola normativa vixente.
Coa entrada en vigor da Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, quedan prohibidas accións como o abandono de gatos en colonias, a solta en colonias distintas ás de orixe, a retirada de gatos comunitarios —salvo en catro excepcións moi concretas— ou o confinamento de gatos non socializados en centros de protección animal, salvo por motivos sanitarios, de tratamento ou recolocación.
En paralelo, durante o ano 2025 rexistráronse 179 avisos ao servizo de recollida de animais abandonados do Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira (CAAN).
Deles, 61 corresponderon a cans procedentes de Sanxenxo, un dato que volve pór sobre a mesa a necesidade de fomentar a tenencia responsable de mascotas.