Convocadas protestas da CIG en Pontevedra e Vilagarcía este martes para reclamar salarios e pensións dignas

Pontevedra
28 de novembro 2022

O sindicato nacionalista convoca concentracións ás 20.00 horas na Praza da Peregrina de Pontevedra e da Casa do Mar, en Vilagarcía, este martes 29. A CIG alerta de que a inflación descontrolada, os prezos da electricidade, dos combustibles e dos produtos de primeira necesidade provocan unha crise económica e social cun "impacto brutal" en Galicia

Concentración da CIG na defensa da clase obreira Mónica Patxot

A CIG convoca concentracións este martes, 29 de novembro, nas principais cidades e vilas de Galicia. Entre elas están anunciadas protestas, ás 20.00 horas, na Praza da Peregrina de Pontevedra e na Casa do Mar, en Vilagarcía de Arousa. 

O motivo destas mobilizacións atópase na inflación descontrolada, o incremento de prezos da electricidade e dos combustibles; ademais dos aumentos desorbitados dos produtos de primeira necesidade. Segundo o sindicato nacionalista, esta situación provoca un "impacto brutal" en Galicia.

Denuncian as insuficientes medidas do Plan de Resposta Económica á Guerra e as "nefastas actuacións do goberno galego". Tamén consideran que os orzamentos do goberno galego e os do goberno español "son unha suma de medidas inxustas" por discriminar a Galicia e non ofrecen solucións ás "graves carencias e necesidades sociais".

Fronte a este panorama, a central sindical entende que é necesario o conflito entre a patronal e a negociación colectiva, e demandar ante os gobernos galego e central que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos. Reclaman un Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise.

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, chama a sumarse a estas concentracións para facer fronte á situación actual ao entender que está en risco que a clase traballadora de Galicia sexa a que pague esta nova crise, como xa sucedeu en ocasións anteriores.