Convocan unha folga nas tendas de Bershka na provincia

Pontevedra
23 de outubro 2017

Reclaman a equiparación laboral co resto de compañeiras doutras provincias. 65 traballadoras están chamadas a secundar este paro que comezará ás 07.00 horas

Concentración de traballadores de Inditex en Pontevedra CIG

O comité de empresa de Bershka en Pontevedra anunciou este luns que convoca unha folga indefinida a partir deste xoves 26 nas tendas da provincia desta cadea pertencente ao grupo téxtil Inditex. Reclaman a equiparación laboral co resto de compañeiras doutras provincias. Piden melloras en materia de xornada, pluses e retribucións, ademais de permisos, lactación, vacacións e incapacidade permanente para terminar coa discriminación de parte do persoal, segundo informa a CIG.

A folga indefinida comezará ás 07.00 horas e afectará os tres establecementos de Vigo, ao de Pontevedra e ao de Vilagarcía. En total, 65 traballadoras do persoal están chamadas a este paro.

No aspecto relacionado con pluses e retribucións, o comité quere fixar un plus de 80 euros ao mes para todas as xornadas, en 16 pagas e revisable o 1,5% anual. En materia de vacacións, a petición laboral céntrase en que se garantan 14 días de descanso entre xullo e agosto para todo o persoal. 

Dentro do grupo Inditex, as augas tamén baixan revoltas en Kiddy's Class, a tenda de roupa infantil, e as traballadoras estudan a posibilidade de convocar protestas para reivindicar tamén a igualdade de condicións entre o persoal dos distintos centros.