Coordinadión en Marín para que o San Migheleiro sexa unha festa responsable

Marín
17 de setembro 2025

A gran festa dos locais de Marín será o sábado 27. A alcaldesa remitiulles aos hostaleiros as normas municipais para o uso de música e das barras no exterior

Xuntanza polo San Migheleiro Concello de Marín

O vindeiro sábado 27 de setembro, Marín celebrará ao grande o San Migheleiro, unha das festas máis queridas polos locais. Para que todo saia á perfección e o evento se goce sen sobresaltos, o Concello reuniuse esta semana con representantes do sector da hostalaría para coordinar todos os detalles.

No encontro, encabezado pola alcaldesa María Ramallo, xunto aos concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, e coa presenza do Xefe da Policía Local, Benigno Blanco, abordáronse as normas que marcarán o ritmo desta gran xornada festiva.

Un total de 20 hostaleiros asistiron á reunión, na que se acordaron medidas para conciliar a celebración co dereito ao descanso da veciñanza. Por iso, a música na rúa e o servizo de bebidas exteriores estarán permitidos só até a 01:00 da madrugada.

"Tradicionalmente, o bonito do San Migheleiro sempre foi gozar durante todo o día, desde a mañá e durante toda a tarde, e consumir nos nosos bares, por iso cremos que limitar á 01.00 fomenta ese lecer diúrno", destacou a alcaldesa.

Cada local que desexe pór música no exterior deberá presentar unha solicitude ao Concello indicando as franxas horarias. Estas serán avaliadas unha a unha, tendo en conta a coordinación entre zonas, os horarios e a presentación do correspondente Seguro de Responsabilidade Civil.

Tamén se deberá indicar si se instalarán postos de comida na rúa. Nese caso, esixirase garantir a seguridade, evitando lumes baixo toldos ou preto de instalacións eléctricas, e protexendo ben os espazos para previr accidentes con cinzas, graxas ou aceites.

Para animar a ruta matinal do San Migheleiro, o Concello porá a disposición da festa dúas charangas e unha batucada, que percorrerán as rúas entre as 11:30 e as 15:00 horas.

Aínda que se permitan as barras nas fachadas, os locais deberán seguir deixando acceso aos seus aseos interiores. E respecto da limpeza, cada establecemento será responsable de deixar a súa zona varrida, baldeada e recollida. Aínda así, o Concello realizará unha limpeza xeral ao día seguinte.

Durante a reunión tamén se repasaron aspectos da ordenanza sobre terrazas. A alcaldesa lembrou que é obrigatorio recoller o mobiliario exterior cada día e manter o espazo limpo e coidado.

"Nos últimos tempos, detectamos que practicamente ninguén recolle o mobiliario de terraza e apenas hai limpeza por parte da hostalaría, polo que nos vemos na obrigación de tratar de facer cumprir a normativa para o bo uso do espazo público", concluíu Ramallo.

Con todo preparado e as normas claras, Marín xa quenta motores para vivir un San Migheleiro inesquecible.