Cortada a AP-9 en sentido Santiago por un accidente múltiple con 13 vehículos implicados

Vilaboa
23 de xaneiro 2026
Actualizado: 24 de xaneiro

O sinistro rexistrouse ao redor das 22:00 horas no punto quilométrico 132 da AP-9, no tramo comprendido nas inmediacións da peaxe de Vilaboa

Cámara de tráfico en la AP 9 DGT

A Autoestrada do Atlántico (AP-9) foi cortada en sentido Santiago de Compostela este venres ao seu paso por Vilaboa a consecuencia dun accidente múltiple, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

O sinistro rexistrouse ao redor das 22:00 horas no punto quilométrico 132 da AP-9, no tramo comprendido nas inmediacións da peaxe de Vilaboa.

De acordo coa información facilitada pola Garda Civil, no accidente víronse implicados ao redor de 13 vehículos, o que obrigou a cortar completamente a circulación na peaxe de Vilaboa en sentido A Coruña.

Como consecuencia do corte, a DXT estableceu desvíos obrigatorios pola estrada N-550 mentres se traballa para restablecer a normalidade na autoestrada.

Estas medidas provocaron retencións que alcanzaron aproximadamente un quilómetro de lonxitude.

Previamente ao accidente, varios condutores alertaran da presenza de xeo na calzada, unha circunstancia que podería estar relacionada coas adversas condicións meteorolóxicas derivadas do paso da borrasca Ingrid.

Tráfico informou á unha da madrugada da apertura da AP-9, pk 133.500 (Pontevedra), de ambos os carrís sentido A Coruña, quedando restablecida circulación tras retirada de vehículos accidentados.

Esta forte borrasca está a complicar a circulación en boa parte de Galicia, con neve en zonas do interior, como Forcarei, e fortes choivas e ondada en áreas costeiras como Sanxenxo.

As autoridades recomendan extremar a precaución, informarse do estado das estradas antes de viaxar e seguir as indicacións de tráfico mentres persistan as condicións meteorolóxicas adversas.