Das flores á Peregrina ás merendas con torta de mazá: as anécdotas que deixan os Feroz na cidade

Pontevedra
25 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:10

Os presentadores da gala viviron durante toda a semana agradables merendas "falando da morte, da vida, de cousas moi profundas" e Aitor Albizua atopou "unha mercería de toda a vida"

Backtage da alfombra vermella dos Premios Feroz 2026

Inaugurou a alfombra vermella dos Premios Feroz 2026 un pontevedrés, David Amor, eloxiando que se celebren na cidade "para quitar o paletismo madrileño" e pechárono a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Diaz, e o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, que chegaron xa a piques de comezar a gala e recoñeceron o "pracer" de estar en Pontevedra e o "momento extraordinario" do cine galego, con Oliver Laxe á cabeza.

No medio, unha sucesión de personalidades, volantes, traxes negros e anécdotas, tanto da propia alfombra como do paso por Pontevedra de actrices, directores ou guionistas. E aínda quedaría o mellor, a festa posterior, que se alargou até altas horas da madrugada e houbo quen continuou até chegado o día nun coñecido bar da avenida de Bos Aires.

María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), organizadora dos premios, fixo un repaso a dous anos cos Feroz en Pontevedra e a este último que "non puido ser mellor". Como colofón, unha revelación: "puxemos flores á Peregrina". Ante as dúbidas, insistiu: "Prométovolo".

Moi elegane con traxe cruzado en verde esmeralda da marca Bimani, tamén recoñeceu estar a falar de marcas e de modelos é algo "incrible" para ela, "que estiven toda a vida con chirucas" e agora déixanlle a roupa para pousar na alfombra vermella.

Mentres no interior da propia gala preparábase unha cea para 1.100 persoas, na alfombra vermella, unha das presentadoras, Samantha Hudson, á vez que compartiu os bos intres que pasou preparando a gala cos seus compañeiros sobre o escenario, Petra Martínez, Elisabet Casanovas e Antonio Durán Morris.

Falou das súas "merendas coas nosas tortas de mazá, falando da morte, da vida, de cousas como moi profundas. Eu dicía: "Fíxate que noxentas somos". De súpeto, todas divinas cos nosos cafés falando de cousas tan fermosas".

Esa camaradería que se creou viviuse logo durante a cerimonia. Segundo desvelou Elisabet Casanovas, que falou dun "proceso de ensaios moi bonito", con sesións moi divertidas nas que contaron coa colaboración de actrices da aula de Teatro Municipal de Pontevedra.

"Rímonos moito" indicou, e recoñeceu a boa sintonía entre todos: "Namorei de todas, é que foi incrible. Rímonos e tamén se puido falar de cousas". O proceso "une moitísimo".

Aitor Albizua puxo voz á retransmisión da gala e, ao seu paso pola alfombra vermella, compartiu unha anécdota que lle "encantou" de Pontevedra: atopar unha mercería "de toda a vida" nun momento no que o comercio local "en Madrid está de canga baixa". No seu caso, puido comprar o fío negro que necesitaba para facerme o baixo do pantalón.

Para anécdota, a do guionista de Iacarta, Diego San José, que en 2025 perdeuse de regreso ao Parador sen batería no móbil, cruzouse con dous descoñecidos e viviu "a cousa máis bonita que me pasou xamais nunha gala", convidárono a unha cervexa, acabaron nunha discoteca toda a noite e este ano acompañárono.

"É complicado que un faga amigos nunha noite ás tres e media da mañá, nunha cidade que non coñeces, e pasoume en Pontevedra, así que oxalá sexan en Pontevedra máis cousas". En xeral, sente "moi protexido pola xente de Pontevedra".

Sobre a alfombra, tamén os looks de invitados e invitadas acapararon a atención. E, no caso da actriz e cómica Coria Castelo, deron pé á reivindicación. Elixiu un vestido negro con chaqueta de grandes voantes de José Perea, un deseñador do que destacou que "ten tallas para todos os corpos e iso é super de agradecer".

Así, indicou que as tallas grandes son valioso "para persoas como eu, que vas a un showroom a que che deixen algo de roupa e mírante como dicindo: Pois como non vexas un pano, raíña, non sei eu que che vou deixar".

O estilismo máis rechamante, o da cantante Yurena, que aterrou na Boa Vila con motivo dos nomeamentos de Superstar, a serie sobre a súa carreira, e sorprendeu cun vestido amarelo con volantes do deseñador José Perea, no que confiou nos seus últimos actos públicos.

Destacou sobre o negro e a sobriedade reinante, salvo excepcións como a de Julia de Castro, galardoada na categoría de mellor actriz de repartición dunha serie por Poquita fe, que apostou por un deseño dúas pezas de saia e top de The Attico.

O Adolfo Domínguez de Oliver Laxe, o traxe multirraya de Tamar Novás, o Dior de Branca Soroa, a homenaxe a Valentino de Milena Smit, o Giambattista Valli de Mireia Oriol, o Dries Van Noten de Vitoria Luengo ou o Sybilla de Leticia Dolera foron a excepción nunha noite de oscursos e sobriedade.

 

Arquivado en