Demandan a cobertura a tempo completo do segundo facultativo de Seixo ante a súa inminente xubilación

Marín
10 de xuño 2025
Actualizado: 13:09

Ademais a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín, únese aos diferentes actos reivindicativos contra as listas de espera organizados por SOS Sanidade Pública

Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e Marín vén de dirixirse á xerencia da Área Sanitaria Pontevedra O Salnés para demandar "a cobertura a tempo completo do segundo facultativo de Seixo ante a súa inminente xubilación".

A Plataforma sinala que a xubilación deste segundo facultativo vaise producir este verán "sen que, ata o momento, se saiba cal é a previsión que ten a Xerencia para a cobertura do seu cupo".

Dende o coletivo apuntan que "a incerteza e desconfianza entre a veciñanza medra conforme nos achegamos a datas estivais xa que está moi presente o inicio dos problemas no noso centro de saúde a raíz da xubilación dunha das dúas prazas de enfermería e, posteriormente, da xubilación do Dr. Martín no verán de 2021 e a decisión da Xerencia da área que deixou, durante moito tempo, o cupo descuberto, sen ter ningún profesional consultando, o que derivou en moitos problemas para pacientes e persoal."

A portavoz da Plataforma, Iria Aboi Ferradás, insiste en que "non queremos que se volva repetir esta situación, e no escrito amosámoslle a nosa firme vontade de defender a cobertura da praza deste cupo, a tempo completo e de maneira estable, mesmo antes de se producir a xubilación."

Así, demandan "que de forma oficial, clara e detallada se informe, tamén por escrito, de como a Xerencia vai proceder á cobertura desta xubilación, dende o día seguinte de producirse, para garantir a atención sanitaria que ata o momento tiveron as e os pacientes e sen que se produza sobrecarga nin saturación no resto do persoal do Centro de Saúde de Seixo." 

LISTAS DE ESPERA

A Plataforma tamén informa de que se unen aos diferentes actos reivindicativos organizados por SOS Sanidade Pública contra as listas de espera previstos para este xoves 12 de xuño cunha protesta diante do Centro de Saúde de Marín ás 20:30 horas.

Consideran que "a situación das listas de agarda é escandalosa" e que "as declaracións do conselleiro Gómez Caamaño da pasada semana nas que afirma que as listas de espera son boas en comparación con outras comunidades autónomas son inaceptables".

A portavoz da Plataforma, Iria Aboi pregunta "son boas para quen? Supoñemos que para el e non para quen espera meses a ser atendido. Por que non falou o conselleiro da ocultación de datos que fan, da penalización no caso de que te negues a operar na privada ou das citas solicitadas que non aparecen en buzón e non computan?.

A Plataforma lembra que "ademais das listas de espera que xa temos nos Centros de Saúde, hai listas de espera para primeiras consultas e revisións con especialistas, hainas para probas diagnósticas e tamén para intervencións, e moitas superan o ano de demora" polo que fan un chamamento a participar na protesta deste xoves que coincidirá con outras de xeito simultáneo en Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Ourense, Burela, Vilagarcía, Cangas, Ribeira, Sanxenxo ou o Val Miñor.