Denuncian a "actitude ditatorial e tiránica" da dirección da Residencia de Maiores de Campolongo

Pontevedra
06 de maio 2020

O Comité de empresa do persoal laboral quéixase polo que consideran unha "nefasta xestión" con eliminación de días libres e modificación de calendarios laborais. Os representantes sindicais reclaman a intervención da Xefatura Territorial de Política Social para compensar festivos e fins de semana detraídos ao persoal

Residencia de maiores de Campolongo Paula Sanmartín

O Comité de empresa do persoal laboral dependente da  Xefatura Territorial de Política Social de Pontevedra denunciou publicamente o que consideran "unha nefasta xestión" do centro por parte da dirección da Residencia de Maiores de Campolongo durante este período de crise motivada polo  Covid-19.

Segundo denuncia a secretaria do comité Dina Porral, a dirección modifica os calendarios de traballo e elimina días libres ao persoal con frecuencia e sen  uitlizar xustificacións.

Sinala que o calendario xa se impuxo ao non alcanzar un acordo cos representantes do Comité e, co inicio da crise sanitaria, mantivo unha liña de cambios de xornadas laborais, que o Comité denunciou ante a Inspección de Traballo o 25 de abril, despois de buscar outras fórmulas para evitar esta situación.

Segundo sinalan os representantes sindicais, en lugar de solicitar un reforzo do plantel ante esta situación excepcional, leva a cabo estas prácticas. 

A situación agravouse, segundo relatan, o 30 de abril cando tres efectivos do colectivo de auxiliares de enfermería con contrato de "acúmulo de tarefas" chegaron ao centro para reforzar as quendas. O Comité afirma que a dirección volveu modificar o calendario a o resto do persoal en lugar de realizar un calendario para eses novos traballadores. Esta actitude da dirección é cualificada como "ditatorial e tiránica", por parte dos sindicatos.

A esta situación súmase que o 5 de maio, a dirección tamén decidiu modificar as quendas do colectivo de camareiros e limpadores

Ante esta situación que consideran "abusiva" reclaman unha intervención por parte da Xefatura para buscar unha solución que permita devolver os días, sobre todo festivos e fins de semana, que foron detraídos do calendario inicial. Pregúntanse tamén onde quedan os dereitos de conciliación do persoal da Residencia de Maiores.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora