Denuncian ante a Comisión Europea o peche do CIM de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
16 de xaneiro 2017

A eurodeputada Lidia Senra reclámalle á Comisión Europea que se posicione sobre a decisión municipal de rebaixar a prioridade na loita contra a violencia machista

Comisión Europea European Parliament

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica, ven de denunciar no Parlamento Europeo o peche por parte do Concello do Centro de Información á Muller (CIM) de Ponte Caldelas. 

A europarlamentaria rexistrou este luns unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, na que informa ao organismo comunitario sobre a decisión tomada a finais de decembro polo Concello de Ponte Caldelas, de pechar este servizo de titularidade municipal especializado en atención ás mulleres que leva dez anos funcionando e que se subvenciona, igual que os restantes 80 CIM que hai por toda Galicia, a través do Fondo Social Europeo.

Lídia Senra considera que a decisión de pechar dito centro en Ponte Caldelas non é para nada "acertada" e denuncia que o Concello está rebaixando así "o nivel de prioridade na loita contra a violencia machista e pola igualdade de xénero". Neste sentido, a eurodeputada esíxelle á Comisión Europea que se posicione e pregúntalle á CE se considera que é "axeitado" que se peche o CIM "a pesar de ter concedidos os fondos europeos que sostiñan os salarios de persoal especializado para atender as mulleres" neste concello.

A eurodeputada critica que o Concello argumente que pecha o CIM para poder convertelo nun servizo de asesoría legal, que estará especializado non en atención a mulleres e casos relacionados coa violencia como até o de agora. 

Para Senra, a decisión tomada polo Concello non se sustenta e reclama que as forzas municipais implicadas recúen nesta medida e que o CIM siga funcionando. A maiores, a europarlamentaria pregúntalle á CE se ten previsto poñer en marcha medidas que obriguen á prestación destes servizos de forma permanente e estable por parte das entidades beneficiarias dos fondos sociais europeos, "para poder achegalos nuns estándares de calidade e o máximo posible a todas as mulleres, sobre todo no medio rural".