A Deputación inxecta 3,3 millóns en axudas, obras e programas provinciais

Pontevedra
19 de xuño 2026

Serán distribuídas en ámbitos como a cultura, a igualdade, o deporte, a mocidade, o medio ambiente e a cooperación cos concellos da provincia

Xunta de Goberno da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, informou este venres dos acordos adoptados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá, unha sesión na que se aprobaron iniciativas por valor de preto de 3,3 millóns de euros destinadas a ámbitos como a cultura, a igualdade, o deporte, a mocidade, o medio ambiente e a cooperación cos concellos da provincia.

Entre as medidas destacadas figura a aprobación de seis novas axudas do programa Máis Provincia por un importe conxunto de 850.000 euros, que beneficiarán aos municipios de Nigrán, Covelo, Vilagarcía de Arousa, Baiona e Oia.

En materia de infraestruturas, a institución provincial destinará 432.000 euros á construción dunha senda peonil na parroquia de Matalobos, na Estrada. A actuación desenvolverase na estrada provincial EP-7004 e permitirá conectar o Alto da Cruz coa igrexa da parroquia, mellorando así a seguridade viaria da zona.

Ademais, aprobouse o expediente para contratar as obras de mellora da drenaxe e da seguridade viaria na estrada provincial EP-8004, entre Caldas de Reis e Vilanoviña, no tramo coñecido como a antiga Azucreira, no municipio de Portas. O proxecto conta cun orzamento de 540.000 euros.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a unha nova edición de Rías Baixas Acción, un programa dotado con 170.000 euros para o patrocinio de producións audiovisuais rodadas na provincia. A iniciativa contempla dúas liñas de axudas, unha destinada a curtametraxes, longametraxes e series, e unha segunda, cunha dotación de 70.000 euros, para documentais de longa duración, curtos documentais e pódcast documentais.

Segundo destacou Luís López, estas subvencións constitúen unha ferramenta eficaz para seguir impulsando o crecemento do sector audiovisual galego vinculado ao territorio pontevedrés.

No ámbito social, aprobouse a repartición de 240.000 euros entre entidades sen ánimo de lucro que traballan na promoción da igualdade. A contía supón un incremento de 40.000 euros respecto ao exercicio anterior e permitirá apoiar a 45 asociacións de 15 municipios da provincia, cinco máis que na convocatoria de 2025.

Ademais aprobouse a distribución de 200.000 euros entre 17 festivais e certames organizados por entidades sen ánimo de lucro. As axudas permitirán financiar eventos relacionados co teatro, as artes vivas, os monicreques, a poesía ou a música, entre outras disciplinas. Durante a súa intervención, Luís López subliñou que o obxectivo é achegar a oferta cultural a todos os recunchos da provincia.

"É unha maneira de continuar achegando a cultura a todos os recunchos da provincia, vivan onde vivan. É unha das nosas prioridades", afirmou o presidente provincial.

Outro dos acordos relevantes foi a aprobación dunha liña de axudas por valor de 350.000 euros para confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras.

Desa cantidade, 100.000 euros destinaranse a investimentos para 12 entidades de 15 municipios, que poderán adquirir vehículos, equipamento informático, material de oficina, motores ou sistemas de vixilancia, entre outros recursos. Os 250.000 euros restantes servirán para financiar gastos correntes de 19 agrupacións, permitíndolles afrontar custos de persoal, electricidade, combustible ou a adquisición de semente para a actividade marisqueira.

López lembrou que esta posibilidade de cubrir gastos ordinarios foi incorporada durante o actual mandato e defendeu a súa importancia nun contexto complexo para o sector. "Moitas veces non ten sentido obrigar a realizar investimentos cando existen dificultades para afrontar os gastos do día a día", sinalou.

A Deputación tamén aprobou a ampliación do programa Erasmus Plus 2025, dotado con 930.000 euros para facilitar estancias formativas de alumnado e profesorado de Formación Profesional en empresas e institucións de países da Unión Europea. O programa pasa de 15 a 24 meses de duración e finalizará o 31 de maio de 2027. Até o momento, 75 persoas beneficiáronse desta iniciativa.

Por outra banda, deuse luz verde ás bases das axudas para deportistas de alto nivel, que contarán cun orzamento de 500.000 euros, un 23 % máis que o ano pasado."Seguimos demostrando que somos a provincia do deporte", destacou o presidente da Deputación.

Durante a comparecencia, Luís López lembrou ademais que este luns se abrirá o prazo de inscrición para que as empresas turísticas da provincia participen nos workshops promocionais que se celebrarán en Valladolid e Xixón os días 21 e 22 de outubro. As empresas interesadas poderán formalizar a súa inscrición até o próximo 3 de xullo a través da web workshopsriasbaixas.com.