Desaloxan o parking de Montero Ríos e Praza de España tras incendiarse un coche no seu interior

Pontevedra
03 de agosto 2014

Un forte olor a queimado e un intenso fume negro que saía do aparcadoiro de Monteiro Ríos acendeu todas as alarmas nesta primeira noite de penas. Pronto, todas as entradas e saídas deste aparcadoiro quedaron inutilizadas. Un incendio que se orixinara nun coche aparcado no segundo soto obrigou a desaloxar as instalacións. Tamén as do parking anexo, o da Praza de España

Fume que saía do aparcadoiro de Praza de España polo incendio dun coche
Fume que saía do aparcadoiro de Praza de España polo incendio dun coche / PontevedraViva

Un forte olor a queimado e un intenso fume negro que saía do aparcadoiro de Monteiro Ríos acendeu todas as alarmas nesta primeira noite de penas. Pronto, todas as entradas e saídas deste aparcadoiro quedaron inutilizadas. Un incendio que se orixinara nun coche aparcado no segundo soto obrigou a desaloxar as instalacións. Tamén as do parking anexo, o da Praza de España.

O incendio iniciouse pouco antes das 23.30 horas. O aviso partiu dos propios empregados do aparcadoiro. Nun primeiro momento, todos os esforzos se centraron en comprobar que non quedaba ninguén no interior do parking. O mesmo fixeron os Bombeiros de Pontevedra nada máis chegar. Tardaron apenas un par de minutos. Tras analizar a situación, entraron no seu interior para localizar a orixe do incendio.

Non foi unha tarefa doada. O intenso fume que saía do interior do aparcadoiro apenas deixaba ver ao seu arredor. O coche en cuestión, situado a parte máis próxima á saída do segundo soto, ardeu por causas que se descoñecen. Por sorte estaba illado do resto de vehículos, polo que o lume non alcanzou a outros coches. Si houbo certos danos, non obstante, no cadro eléctrico do aparcadoiro, que deixou de funcionar.

Este apagamento afectou tamén a toda a iluminación pública da rúa Reina Victoria, onde decenas de curiosos e numerosos donos dos vehículos que estaban aparcados no parking se amontoaban para saber que pasara e interesarse polo estado dos seus turismos. O mesmo acontecía na entrada do aparcadoiro da Praza de España, diante da Subdelegación do Goberno, onde o fume negro provocado polo incendio era aínda máis intenso.

Tras extinguir o lume e refrixerar a zona, os Bombeiros comezaron a tratar de ventilar ambos os dous aparcadoiros. Trátase dunha tarefa que pode durar varias horas. Ata que se completen estes traballos, ningún dos coches aparcados no seu interior poderá ser retirado. As instalaciones, segundo os seus empregados, xa non estaban cheas. A maior parte dos vehículos marcharan xa tras finalizar os touros.

Como medida de seguridade, a Policía Local cortou totalmente ao tráfico a rúa Raíña Vitoria, impedindo aos condutores achegarse á zona onde estaban a traballar os bombeiros. Ademais, acordoaron todas as entradas e saídas de ambos os dous aparcadoiros para impedir que alguén puidese entrar para acceder ao seu coche. Varios axentes encargáronse de facer garda diante destes accesos para evitar problemas.

Á zona tamén se desprazaron efectivos da Policía Nacional por se era necesaria a súa colaboración, así como numerosos voluntarios da agrupación local de Proteccion Civil. Ao non haber persoas no interior do aparcadoiro, non houbo que mobilizar ás ambulancias do 061. Os Bombeiros acudiron con todo o retén de garda, seis efectivos máis o xefe do servizo