O barrio da Seca converterase este xoves 2 de outubro no epicentro da memoria histórica de Pontevedra. A partir das 20.00 horas, a Aula Anexa do Edificio da Cruz Vermella (Rúa Cruz Vermella, 26) acollerá a conferencia Historias do barrio da Seca, impartida polo editor e escritor Xosé Enrique Acuña, e unha exposición fotográfica que acompañará o relato da evolución deste espazo da cidade.
A actividade, organizada pola Mesa pola recuperación do río Valdecorvos, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e da delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia.
En conversa con PontevedraViva, Acuña adianta que a conferencia será “unha pequena charla, pero con multitude de historias e de anecdotario sobre o barrio da Seca” que "ten unha sensibilidade histórica que se foi perdendo cando desapareceu a vida parroquial”.
O investigador lembra que A Seca formaba parte da parroquia de Mourente, cuxo territorio chegaba ata o Convento de Santa Clara. Mesmo a actual Estación de Ferrocarril ou a zona dos Xulgados da Parda eran espazos ligados a esa parroquia.
Un dos elementos centrais da súa conferencia será a memoria da xunqueira da Seca, "un patrimonio natural e ecolóxico roubado aos veciños” e que ocupaba dende os terreos do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva (antigo Estadio da Xuventude) ata parte do solar da factoría Tafisa.
“Se a cidade conservase as súas tres xunqueiras –a da Seca, a do Lérez e a do Alba– estariamos ante un patrimonio natural único en Galicia e posiblemente en Europa”, afirma Acuña, que cualifica a súa destrución como “o atentado ecolóxico máis brutal que sufriu Pontevedra no século XX”, lamenta.
"E despois, dentro desas manobras urbanísticas que todos os concellos e administracións locais de que lle tiñan esa manía aos ríos, pois o río Valdecorvos foi soterrado en diferentes zonas, pero especialmente no que sería a súa desembocadura, precisamente na xunqueira da Seca", engade.
Aos atentados a esta zona, sumouse a instalación da fábrica de Tafisa, que marcou o final dun xeito de vida. "A xente da Seca baixaba no verán ao río directamente a bañarse. Desde que chegou Tafisa e todo o alcantarillado de Pontevedra caendo sobre o río, xa foi imposible bañarse".
O autor lembrará na conferencia os alcumes familiares ou os oficios que definían a economía local. “Na Seca convivían familias con grandes propiedades e poder económico con xentes humildes, incluídos os fundadores do movemento obreiro local e das primeiras agrupacións socialistas de Pontevedra”, explica.
Acuña recuperará tamén a memoria das fontes –a da propia Seca, a de Blas ou a de Santa Margarida–, dos hórreos hoxe desaparecidos –"canastros ou hórreos deben de quedar un ou dous"– a importancia da capela de Santa Margarida "onde os veciños da Seca ían todos os domingos", así como a existencia dunha escola pública na Seca, inaugurada na República e fundamental na alfabetización dos nenos e nenas, cuxos pais e nais, en varios casos, non sabían nin ler nin escribir.
O conferenciante evocará igualmente a importancia da festa de Santa Margarida, que "era a festa grande do barrio da Seca, á que, por certo, viña xente de toda Pontevedra, o primeiro domingo de agosto" e as reunións en torno ao Carballo para celebrar o Primeiro de Maio obreiro.
Tamén destaca os cambios sociais, "marcados no caso da Seca por acontecementos como foi a instalación, primeiro, dunha barriada de casas para funcionarios da Deputación de Pontevedra e, posteriormente, en 1956, dunha barriada que daquela se denominaba Casas Baratas". Estas urbanizacións trouxeron "centos de habitantes novos á Seca e, dalgunha maneira, cambiou a estrutura social marcada nos séculos anteriores".
"Eu nacín no barrio da Seca e practicamente vivín a Seca orixinal", con casas que normalmente daban á estrada e que por detrás tiñan fincas dedicadas ao labor do campo e do gando. Para Xosé Enrique Acuña, "todo empezou a cambiar, sobre todo desde os anos 70 en adiante".
En concreto, apunta a que "as primeiras corporacións democráticas trataron moi mal á Seca e deixaron abandonadas moitas zonas: estivo a estrada da Seca totalmente rota durante anos, o Camiño Vello de Castela, que tiña unha importancia enorme, foi convertido nunha lameira durante anos e non se podía nin transitar por el", detalla.
"Pero pouco a pouco as cousas foron cambiando. Uns entenderán que para ben, e posiblemente teñan razón; e outros, me entenderán que se cambiou a idiosincrasia dun lugar de Mourente chamado A Seca", remata.
A actividade ao redor das Historias do barrio da Seca, conferencia e mostra fotográfica, é de carácter gratuíto, mais as persoas interesadas deben inscribirse previamente a través da sección Apúntate na web do Concello de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.