A prisión un sexto mozo implicado na pelexa de Barcelos mentres seguen buscando o fugado

Pontevedra
11 de xuño 2025
Actualizado: 16 de xuño

Fontes da investigación confirman a este xornal que os axentes seguen tras a pista do fugado pero, polo momento, non se puido determinar onde se atopa tras a pelexa

Patrulla da Policía Nacional na Praza de Barcelos

A investigación policial sobre a pelexa rexistrada hai unha semana na Praza de Barcelos, na que tres mozos de orixe magrebí foron apuñalados, segue avanzando.

A Policía Nacional detivo nas últimas horas unha sexta persoa implicada nesta liorta. Trátase, segundo puido saber PontevedraViva, doutro mozo de nacionalidade colombiana con idade similar aos outros arrestados, entre 20 e 25 anos.

Esta tarde a maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 acordou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do detido. Investigado por lesións agravadas e homicidio en grao de tentativa, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por mor das declaracións dos detidos en sede xudicial, os investigadores puideron determinar a implicación nos feitos deste sexto mozo que, tras ser identificado, foi detido en Pontevedra a última hora da tarde do martes.

Até o de agora eran cinco os agresores identificados por apuñalar ás tres vítimas, o catro detidos tras a pelexa e unha quinta persoa á que a Policía Nacional segue buscando.

Fontes da investigación confirman a este xornal que os axentes seguen tras a pista do fugado pero, polo momento, non se puido determinar onde se atopa.

Este avance na investigación chega despois de que o pasado luns os investigadores policiais regresaran ao escenario desta violenta liorta por mandato da xuíza do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.

A maxistrada ordenou buscar pola zona máis armas, especialmente coitelos, que puidesen empregarse na pelexa. Todo apunta a que, tras o revelado en sede xudicial, os axentes puideron atopar máis probas e indicios que aclaren o sucedido.

A situación dos detidos, pola súa banda, non cambiou. Dous deles atópanse xa en prisión, a onde os enviou a xuíza tras comparecer en sede xudicial, investigados polos delitos de lesións agravadas e homicidio en grao de tentativa.

Aos dous implicados que quedaron en liberdade a xuíza impúxolles comparecencias periódicas no xulgado, retirada do pasaporte e prohibición de saída do territorio nacional. Tampouco poderán aproximarse ás tres vítimas nin comunicarse con elas.