Dez persoas detidas no Vao como sospeitosos da agresión aos policías

Poio
08 de maio 2020

A Garda Civil detivo esta mañá a dez veciños do poboado do Vao de Arriba, como consecuencia dos incidentes ocorridos o pasado luns en que os que foron agredidos dous axentes da Policía Local de Poio. No altercado tamén resultaron con danos materiais de consideración un vehículo da Policía Local e outro da Garda Civil

Operativo da Garda Civil no Vao
Operativo da Garda Civil no Vao / Guardia Civil

A Garda Civil detivo esta mañá dez veciños do poboado do Vao de Arriba, como consecuencia dos incidentes ocorridos o pasado luns en que os que foron agredidos dous axentes da Policía Local de Poio. No altercado tamén resultaron con danos materiais de consideración un vehículo da Policía Local e outro da Garda Civil.

Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, desde as 8.30 horas deste venres despregouse neste asentamento chabolista un operativo levado a cabo pola Garda Civil, onde participaron efectivos da USECIC, patrullas de seguridade cidadá da compañía de Pontevedra, Policía Xudicial e o Equipo Pegaso da Comandancia, en colaboración cunha patrulla da Policía Local de Poio.

Estes dez detidos atópanse nos calabozos da comandancia de Pontevedra e está previsto que pasen esta tarde ao dispor do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra, acusados de delitos de atentado e resistencia aos axentes da autoridade e danos materiais.

A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Segundo informaron fontes oficiais do Goberno local, o Concello de Poio ten previsto comparecer no proceso como acusación particular.

ALTERCADO

Segundo explicaron fontes oficiais da Garda Civil, o altercado do pasado luns iniciouse a partir do momento no que unha dotación da Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC) procedía á detención dun dos veciños do poboado que se enfrontou aos axentes, cando estaba a ser identificado por non respectar as medidas de confinamento do Covid-19. 

No momento do arresto un importante número de residentes enfrontáronse á patrulla lanzándolles pedras que causaron danos materiais no vehículo oficial.

Os incidentes alcanzaron especial virulencia cando momentos despois fixo acto de presenza no poboado unha dotación da Policía Local que foron agredidos con pedras e golpes nos vehículos. Os dous axentes tiveron que recibir asistencia médica e o coche resultou con danos de consideración.

As posteriores investigacións levadas a cabo pola Policía Xudicial da Garda Civil, que se encarga da instrución das correspondentes dilixencias, permitiron a identificación dos principais responsables dos altercados.