Diana Rodríguez Regueira, primeira muller secretaria comarcal da CIG en Pontevedra

Pontevedra
14 de xuño 2025
Actualizado: 15 de xuño

A nova responsable alertou do "empeoramento progresivo" das condicións laborais até o punto de que "ter un emprego non garante as mínimas condicións para vivir dignamente"

Diana Rodríguez Regueira, na clausura da novena asemblea comarcal da CIG

Diana Rodríguez Regueira, ata agora secretaria confederal de Formación Sindical e para o Emprego da CIG, é tamén desde este sábado a primeira muller secretaria comarcal en Pontevedra.

Foi elixida por unanimidade con 132 votos a favor durante a IX Asemblea da CIG de Pontevedra celebrada este sábado no Pazo da Cultura.

A nova secretaria comarcal pasa a substituír a Marcos Conde Farto encabezando a candidatura de consenso para a Executiva Comarcal.

A candidatura obtivo 130 apoios e 2 votos nulos e a lista de representantes da bisbarra no Consello Confederal sumou 132 votos a favor, ningún en contra e ningún nulo. 

A nova Executiva Comarcal encabezada por Diana Rodríguez Regueira está integrada tamén por Aitor Maquieira Rodríguez, Francisco J. Dapena Varela, Soedade Fernández Silva, Marta Ferreiro Fernández, Ana Caneda Villanueva e José Blanco Pichel.

Xa como nova secretaria comarcal da CIG-Pontevedra, agradeceu a labor dos seus predecesores no cargo e sinalou que tanto ela como a nova Executiva teñen por diante "unha gran responsabilidade": seguir a traballar "na mesma liña de compromiso e de loita"

Alertou sobre o actual aumento da precariedade e do empobrecemento como consecuencia do "empeoramento progresivo" das condicións laborais (desregulación da xornada de traballo e perda de poder adquisitivo), até o punto de que "ter un emprego non garante as mínimas condicións para vivir dignamente".

Fronte todo isto, contrapuxo a conflitividade laboral e a mobilización social, que son "o sinal de identidade" do sindicalismo que representa a CIG, como demostran en "todos os conflitos e loitas nos que participamos na nosa comarca". Como exemplos, mencionou o convenio do comercio de alimentación, residencias de maiores privadas, SAF, sector do metal e do comercio do metal, conserva, elaborados do mar, oficinas e despachos, limpeza de edificios e locais e limpeza hospitalaria, ambulancias, atención á diversidade, atención a menores, educación infantil ou construción. 

Tamén tivo palabras críticas contra o resto de sindicatos. Así, apostou por rachar co modelo de centralismo "monopolista e excluínte" de UGT e CCOO.

"Reclamamos o dereito a negociar as condicións de traballo no noso país, esiximos un SMI de 1320,04 euros (o 60% do salario medio do Estado) e unha xornada de 35 horas, así como impedir que as Mutuas xestionen as continxencias comúns, que non é máis que apostar pola privatización do servizo público de saúde", sinalou.

No plano internacional, censurou a actual escalada militarista e belicista e apelou á necesidade de "non pechar os ollos" fronte á ocupación de Gaza e ao xenocidio do pobo palestino.

O seu predecesor, Marcos Conde, criticou a "inacción" da Xunta, que non é máis que "correa de transmisión" de políticas estatais ao servizo do capital e focalizado na oposición ao Goberno do estado. 

En representación da Executiva Confederal participou no acto Susana Méndez, que interveu para poñer en valor que unha muller tome as rendas da Unión Comarcal de Pontevedra por primeira vez. Sinalou que a nova secretaria comarcal "ten demostrado a súa capacidade de traballo, a súa militancia, e a súa forza de loitadora". Destacou tamén a súa fonda convicción feminista.