Dimite a dirección da Escola de Restauración ante as dúbidas sobre o futuro do centro

Pontevedra
17 de marzo 2014

A dirección da Escola de Restauración enviou un escrito ao Conselleiro de Educación laiándose polo silencio por parte da administración autonómica ante a petición de que se adscriba o centro á Universidade de Vigo

Fernando Carrera, Director da Escola Superior de Restauración Mónica Patxot

O equipo directivo da Escola de Conservación e Restauración presentou a súa dimisión, a través dun escrito, ante o Conselleiro de Educación debido á ausencia de resposta por parte da Xunta de Galicia á petición da comunidade estudantil para que o centro se adscribise á Universidade de Vigo.

O director da Escola, Fernando Carrera, sinala que o 30 de setembro de 2013 se producira a dimisión por parte do Consello Escolar coa intención de que houbese unha reacción por parte da Consellería. Non obstante, segundo expón o máximo responsable do centro, a pesar das mobilizacións para reclamar unha negociación coa Xunta co obxectivo de resolver o problema sobre a validez dos estudos que se imparten na Escola, non houbo ningunha reacción por parte da administración autonómica.

Ante esta situación, Fernando Carrera xustifica a dimisión en que "debemos acompañar a Comunidade Educativa á que representamos. Non desexamos dirixir a acción de goberno dunha institución que foi abandonada á súa sorte; non queremos ser cómplices do desatino organizativo das Escolas das Ensinanzas Artísticas Superiores".

O ata agora máximo responsable da Escola finaliza o seu escrito solicitando ao Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que leve a cabo as "decisións oportunas" para que o Equipo Directivo e o Consello Escolar se renoven inmediatamenbte e "non se produza unha situación de desgoberno nun momento tan esencial para esta Escola, prontos a titular a primeira promoción da Lei Orgánica de Educación,".