Doce empresas optan á obra para peonalizar a fronte do Hospital Provincial

Pontevedra
27 de abril 2015

A actuación, presupostada en 417.778,81 euros, ten como finalidade crear unha gran praza pública peonil de 1.200 metros cadrados. Ao longo dos próximos días reunirase a mesa de contratación para analizar a documentación administrativa achegada polas empresas e posteriormente procederase á apertura dos sobres coas ofertas e melloras económicas

Fachada frontal do Hospital Provincial Mónica Patxot

Doce empresas de construción presentaron ofertas para executar as obras de peonalización da rúa Loureiro Crespo no tramo situado diante do Hospital Provincial. A actuación, presupostada en 417.778,81 euros, ten como finalidade crear unha gran praza pública peonil de 1.200 metros cadrados.

O voceiro do Goberno local, Raimundo González, indicou que as empresas que optan á obra son Naturgalia, Conservia Rehabilitación y Servicios, Obras, reformas y saneamientos, Construcciones Ramírez, Construcciones EC Casas, Stradia Infraestructura, Constructora Ediserpo, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, Abilleira CPA, UTE Acebi - Montajes JM Iglesias, Construcciones obras y viales e Excavaciones y obras Melchor.

Ao longo dos próximos días reunirase a mesa de contratación para analizar a documentación administrativa achegada polas empresas e posteriormente procederase á apertura dos sobres coas ofertas e melloras económicas. Segundo se deu a coñecer nos últimos meses, o Concello calcula que o procedemento de contratación se iniciará no mes de xuño e as obras terán un prazo de execución de tres a catro meses, de tal forma que estean rematadas antes de que finalice o ano 2015.

A actuación afectará ao tramo comprendido entre a rúa Cobián Areal e a entrada ao servizo de Urxencias do Hospital Provincial con obxectivo de crear un espazo de preferencia peonil, plataforma única, plantación de árbores e novo mobiliario urbano.

Esta transformación urbana levará aparellada cambios na circulación do tráfico en todo este ámbito. Os coches xa non poderán circular por diante do Hospital Provincial e inverterase o sentido da circulación en Loureiro Crespo dende a rotonda do 12 de novembro con José Malvar, de tal forma que os vehículos de emerxencia e servizos poderán chegar ao hospital dende alí. Esta nova praza pública obrigará tamén a cambiar a parada de taxis actual.