A dragaxe do Lérez será unha realidade "como moi tarde" a principios do 2027

Pontevedra
02 de febreiro 2026

Está prevista a retirada de máis de 500.000 metros cúbicos de áridos, que serán depositados a 20 millas náuticas da zona máis exterior da ría de Arousa. Foi o punto autorizado polo Goberno central

Lodos no río Lérez coa marea baixa BNG

Xa se dan as condicións, segundo a Xunta de Galicia, para poder executar a agardada dragaxe do río Lérez. Así o avanzou este luns o presidente galego, Alfonso Rueda.

Ata 11,9 millóns de euros investirá Portos de Galicia na que será a obra "máis importante emprendida nunca" por este organismo, destacou o titular da Xunta.

Esta actuación será licitada ao longo deste ano e a dragaxe propiamente dita comezará "como moi tarde" a principios de 2027.

"Houbo moitos obstáculos, atranco e cambios no punto de vertedura", recoñeceu Rueda, que explicou que, tras as últimas indicacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, "xa podemos cumplir unha demanda historica de moitos sectores".

O estudo de impacto ambiental, que publicou hoxe o Diario Oficial de Galicia, recolle que esta dragaxe, está pensada para recuperar o calado no río Lérez ao seu paso por Pontevedra e, ao mesmo tempo, limpar a súa canle para favorecer a explotación marisqueira.

Actuarase nun treito de 4,5 kilómetros de lonxitude e unha área total de 309.130 metros cadrados, da que se retirarán máis de 500.000 metros cúbicos de áridos.

Todo este material depositarase na zona validada polo ministerio, que é a administración competente, denominada zona B e situada no exterior da ría de Arousa, que se atopa a 20 millas náuticas da zona máis exterior de actuación e a 24 da máis interior.

O ámbito da dragaxe non se atopa dentro de ningún espazo protexido e as areas que se extraerán están clasificadas como categoría A -a de máis alta calidade- por diversas caracterizacións realizadas nos anos 2009, 2015, 2020 e 2024.

Concretamente, dragarase a canle de acceso entre a cota -2,5 e -3,5, nunha superficie de 276.431 metros cadrados, con volume total de 419.319 metros cúbicos.

No ámbito do Club Naval, traballarase ata unha cota de -2,5, nunha superficie de 18.250 metros cadrados e con volume total de 44.731 metros cúbicos; e na dársena das Corbaceiras, a cota -1, nunha superficie de 5.838 metros cadrados, con volume total de 13.618 metros cúbicos.

Así mesmo, dragaranse catro pozas existentes na canle, que funcionan como sumidoiros de material sedimentario, ata a cota -7 metros, cun volume total de 22.871 metros cúbicos.

As obras contarán cun programa de vixilancia ambiental que se desenvolverá con carácter previo á obra e durante a súa execución e para o que se destinan 400.000 euros.

Establecerase, ademais, un plan de xestión de interesados, que inclúa o sector marisqueiro, as administracións competentes e os clubs recreativos, entre outros actores relevantes, para asegurar unha comunicación "transparente e fluída" durante toda a execución das obras.

En paralelo ao trámite de exposición pública do estudo de impacto ambiental, Portos de Galicia solicitará os informes técnicos aos organismos competentes para, unha vez superado este trámite e recibidos os informes, poder redactar o proxecto construtivo e licitar os traballos.