O Concello de Pontevedra percibe avances significativos na resolución dos históricos problemas de asolagamentos na zona do Santo, en Praceres, tras a reunión celebrada este martes na Subdelegación do Goberno. Ao encontro asistiron representantes municipais, técnicos, responsables de Adif e organismos autonómicos como Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, destacou ao remate da xuntanza a "boa disposición" das distintas administracións para atopar unha saída a un conflito que se arrastra desde hai anos e que cualificou de especialmente complexo pola súa orixe e evolución.
Segundo explicou o edil, a situación actual ten a súa orixe nas actuacións realizadas na praza de Praceres para eliminar o paso a nivel ferroviario, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo de 2007. Este fallo obrigaba a suprimir estas interseccións, consideradas ilegais, e desencadeou unha serie de actuacións que, co paso do tempo, derivaron no bloqueo da zona.
A execución desta sentenza provocou un efecto dominó entre administracións. A Xunta de Galicia mantén paralizadas as obras na antiga estrada de Marín á espera dunha solución técnica definitiva por parte de Adif, que adxudicou en 2023 os traballos para os pasos soterrados. Non obstante, o proxecto debe ser modificado por requirimentos de Augas de Galicia, o que atrasou a súa execución.
Mosquera amosouse crítico coa proposta actual de Adif, advertindo de que non conta co apoio municipal nin veciñal ao considerar que podería empeorar notablemente a situación da contorna.
Este escenario tamén impediu ata o momento que o Concello poida executar as súas propias actuacións para mellorar o drenaxe e evitar inundacións, ao non contar coa autorización necesaria de Adif para intervir en terreos baixo a súa competencia.
Porén, tras a reunión, as administracións implicadas amosaron unha maior vontade de coordinación.
A estratexia municipal pasa agora por conseguir un permiso provisional que permita acometer de maneira inmediata obras de drenaxe, mentres non se resolve a solución definitiva vinculada á infraestrutura ferroviaria.
Desde o goberno local sinalan que tanto Augas de Galicia como a Axencia Galega de Infraestruturas valoran positivamente a proposta municipal, ao considerar que supón unha mellora substancial da situación actual e permitiría reducir os problemas de asolagamento xa de cara ao vindeiro inverno.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, subliñou a necesidade de coordinación entre todas as partes implicadas nunha intervención que cualificou de "complexa" pola concorrencia de distintas competencias.
Losada lembrou que Adif confirmou a obrigatoriedade de executar o proxecto de eliminación do paso a nivel, cun investimento previsto de 9,2 millóns de euros, en cumprimento da sentenza xudicial. Aínda que recoñeceu que a solución técnica non resulta satisfactoria para ningunha das partes, incidiu en que non existe marxe legal para evitar a súa execución.
En relación co problema das augas pluviais e a canalización do regato procedente de Lourizán, sinalou que existen discrepancias técnicas entre o proxecto de Adif e a proposta municipal. Mentres o ente ferroviario prevé unha infraestrutura de maiores dimensións (un caixón de 4 por 1 metros), o Concello propón unha condución de menor diámetro.
Tras o encontro, acordouse que os equipos técnicos de Adif, Concello e Xunta traballen de forma conxunta para definir a mellor solución. Entre as alternativas expostas figuran, por unha banda, que Adif execute a infraestrutura principal ata a estrada PO-546 e o Concello complete a intervención na súa área de competencia; e, por outra, a posibilidade de autorizar provisionalmente ao Concello unha obra de emerxencia en todo o trazado, que sería substituída posteriormente pola solución definitiva.
Adif prevé iniciar as obras de soterramento unha vez aprobado o proxecto modificado, un trámite administrativo que podería prolongarse arredor de dez meses ao superar o 20 % do orzamento inicial.
Finalmente, a Subdelegación do Goberno anunciou a promoción dun encontro entre responsables de Adif e a asociación veciñal da zona, co obxectivo de informar directamente á cidadanía sobre as obrigas legais e os pasos previstos para resolver definitivamente o conflito no paso a nivel de Os Praceres.
