A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu este xoves as probas de acceso para o futuro alumnado.
O obxectivo é que presenten unhas condicións físicas axeitadas para un correcto aproveitamento da titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Estas probas de aptitude reuniron 175 estudantes. Trátase da cifra de participación máis elevada rexistrada na última década neste centro do campus pontevedrés, tendo en conta que, a raíz da pandemia da covid-19, non se levaron a cabo entre 2020 e 2022.
Os aspirantes a converterse en estudantes da facultade iniciaron estas probas, divididos en oito grupos, na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).
Alí debían superar a proba de adaptación ao medio acuático, de carácter obrigatorio, para logo, xa na facultade, acadar as marcas fixadas no regulamento en cinco dos seis exercicios restantes.
Tratábase, concretamente, de probas de forza explosiva dos membros superiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, forza explosiva dos membros inferiores, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica.
Deste xeito, os estudantes obtiñan a cualificación de apto nunhas probas que teñen unha validez de dous anos e que constitúen un requisito previo co que deben contar á hora de solicitar praza nesta titulación, que segue os procedemento establecido pola Comisión Interuniversitaria de Galicia para o acceso a estudos oficiais de grao.
Para estes, será tamén válido ter superado estas probas noutra universidade española.
En total estaban inscritas nestas probas 219 persoas, 55 mulleres e 164 homes. Tanto os 44 inscritos que non acudiron a realizar as probas nestas xornada como aqueles que non lograron as marcas requiridas disporán dunha segunda oportunidade para superalas o 10 de xuño.