Sobre a mesa do novo goberno de Pedro Sánchez está xa unha cuestión sensible para Pontevedra: o futuro do complexo industrial de Ence- Elnosa en Lourizán. Para En Marea é unha cuestión "central" na axenda que, de asuntos que afectan a Galicia, debe abordarse ante o novo escenario político.
A deputada Alexandra Fernández entende que o PSOE "xógase moito" para Galicia coa decisión que adopte sobre Ence, porque supoñerá "definir", entre outros asuntos, o proxecto produtivo polo que apostan, se van seguir "permitindo" a contaminación da ría, se vai deixar "vendido" ao sector marisqueiro ou se deixará que Ence "dicte" a política forestal galega.
"O si ou o non a que Ence estea na ría supón tamén un proxecto para Galicia", asegurou Fernández, que engadiu que posicionarse en contra da saída de ambas as empresas de Lourizán sería un "boicot" ao potencial produtivo do país.
Tras reunirse coa Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), a deputada de En Marea reiterou que Ence e Elnosa deben abandonar o seu actual emprazamento "dunha vez por todas" e, a este respecto, entende que "o primeiro paso" debe ser non renovar a concesión á cloreira, que caduca o próximo 29 de xullo.
Con respecto a Ence, Alexandra Fernández instou ao novo executivo a que "revise" a prórroga aprobada no seu día polo goberno de Mariano Rajoy. Asegura que se cometeron "irregularidades" na súa tramitación, xa que a concesión estaba "caducada".
Así, En Marea presentará no Congreso dos Deputados unha batería de preguntas dirixidas ao novo goberno de Pedro Sánchez para que aclare en sede parlamentaria cal é a súa vontade para abordar estas cuestións relativas á permanencia de Ence e Elnosa na ría. Ademais, avanzou que presentarán unha nova proposición non de lei a este respecto.
O presidente de APDR, Antón Masa, insistiu en que para sanear a ría de Pontevedra é "fundamental" a saída do complexo industrial de Lourizán e instou ao novo goberno a que decrete a caducidade da concesión de Elnosa e revise a prórroga de Ence, trámite que "se ten vontade de facelo" podería realizalo "pola vía administrativa"
Masa avanzou que APDR solicitará unha entrevista coa nova ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que asume as competencias de Medio Ambiente, "para que teña información de primeira man" sobre este asunto.