ENCE retoma a súa actividade produtiva en Pontevedra tras completar a súa parada técnica anual

Pontevedra
06 de outubro 2025
Actualizado: 12:19

Ao persoal habitual do complexo industrial pontevedrés sumáronse uns 1.500 traballadores dun centenar de empresas auxiliares. Nesta parada, Ence investiu 11 millóns de euros

Fábrica de ENCE en Lourizán

A fábrica que Ence ten en Pontevedra retomou este luns a súa actividade produtiva habitual tras completar a súa parada técnica anual.

Esta parada, segundo informa a compañía nun comunicado, realizouse de maneira "satisfactoria" e durante ese período executáronse diversos labores de mantemento.

Ao persoal habitual do complexo industrial pontevedrés sumáronse uns 1.500 traballadores dun centenar de empresas auxiliares, a maior parte delas da comarca de Pontevedra.

Ence investiu 11 millóns de euros en actuacións realizadas durante esta parada.

A empresa destaca que estas melloras estiveron orientadas a fortalecer a seguridade, optimizar o rendemento enerxético e avanzar na excelencia ambiental.

Así, a compañía desenvolveu actuacións de mantemento preventivo e correctivo, proxectos estratéxicos de mellora tecnolóxica, optimización enerxética, redución do impacto ambiental e reforzo da seguridade, algo que a empresa considera unha "prioridade".

Coa finalización desta parada técnica, Ence "reforza o seu compromiso", segundo subliñan, coa seguridade das persoas, a eficiencia operativa, a innovación tecnolóxica e a excelencia medioambiental.

Todas estas actuacións están deseñadas, sentenza a comunicación da compañía, para "seguir consolidando" á fábrica de Ence en Pontevedra como un "referente" no sector.