O Entroido tradicional volverá encher de máscaras e tradicións a illa de Ons

Bueu
29 de xaneiro 2026
Actualizado: 11:24

A cita será o vindeiro 8 de febreiro, cunha xornada festiva que combinará tradición, música e xogos populares, aberta tanto á veciñanza como ás persoas que queiran achegarse á illa

Illa de Ons Parque Nacional Illas Atlánticas

O Concello de Bueu volverá apostar este inverno pola recuperación dunha das celebracións máis singulares do seu patrimonio cultural como é o Entroido da Illa de Ons.

A cita será o vindeiro 8 de febreiro, cunha xornada festiva que combinará tradición, música e xogos populares, aberta tanto á veciñanza como ás persoas que queiran achegarse á illa para vivir esta experiencia única.

A programación arrancará ás 11.30 horas coa saída do Entroido e das máscaras, que percorrerán o camiño dende Pereiró ata Curro, recreando un dos momentos máis simbólicos desta festividade. Xa pola tarde, ás 15.00 horas, será a quenda dos mudados, figuras que representan o caos e a irreverencia propias destas datas. O día pecharase cunha fiada tradicional a cargo do grupo 'Arredor da Tradición', acompañada de xogos populares como a pita cega, a chave ou a carreira de sacos.

Para facilitar a asistencia, haberá servizo de barco con saída dende o peirao de Bueu ás 10.30 horas e regreso dende a illa ás 17.00 horas.

Esta celebración conta coa colaboración da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, o Parque Nacional das Illas Atlánticas e a navieira Nabia, e baséase no traballo de investigación do mestre e estudoso José Manuel Dopazo, gran coñecedor dos costumes e das tradicións da illa.

O Entroido de Ons destaca polas súas figuras propias. O Entroido, un boneco de palla vestido con roupa vella, simboliza a humanización da festa e paseábase antigamente enriba dunha ovella polas casas da illa para anunciar a chegada da celebración. Xunto a el aparecían as máscaras, tamén con roupa vella e o rostro cuberto cun pano branco, que pedían doces de Entroido facendo ruído con potas vellas. Pola tarde entraban en escena os mudados e mudadas, vestidos de branco e cunha careta de calacú seco pintada de vermello, coñecidos polo seu aspecto aterrador e polas trasnadas, como roubar comida nas casas.

O Entroido da Illa de Ons celebrouse de maneira continuada desde mediados do século XIX ata 1975, cando a emigración da poboación provocou a súa desaparición. A súa recuperación foi posible grazas aos testemuños de persoas que o viviron ao longo do século XX, como Manolo Pescadilla, Aurita de Miro ou Lola de Bighotes, entre outros.

Se antigamente a festa se estendía durante varios domingos e o Martes de Entroido, este ano 2026 concentrarase no Domingo Gordo, mantendo viva a esencia dunha tradición que forma parte da memoria colectiva da illa.

Arquivado en