Escolares de Poio aprenden a convivir cos ríos e previr o risco de inundacións

Poio
10 de febreiro 2026

Uns obradoiros educativos da Xunta achegaron ao alumnado de Primaria coñecementos básicos sobre o funcionamento dos ríos e o risco de inundacións, promovendo a concienciación ambiental

A conselleira asistiu a un obradoiro educativo sobre o papel dos ríos e o risco de inundacións Xunta de Galicia

Como se comportan os ríos? Por que ás veces se desbordan? E que podemos facer para evitar riscos?

Estas foron algunhas das preguntas ás que deu resposta este martes o alumnado do CEIP Plurilingüe Isidora Riestra de Poio, que participou nun obradoiro educativo sobre o papel dos ríos e o risco de inundacións.

A actividade forma parte dunha campaña da Xunta de Galicia que busca achegar, dun xeito ameno e adaptado á infancia, conceptos fundamentais sobre o ciclo da auga e a importancia de respectar as contornas fluviais.

Nesta xornada participaron 76 escolares de 1º a 4º de Primaria, repartidos en catro talleres dunha hora de duración.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou ao alumnado durante a actividade e explicou que o obxectivo é chegar este curso a máis de 3.000 rapaces de entre 6 e 12 anos en toda Galicia.

A idea é concienciar desde pequenos sobre como as accións humanas inflúen nos ríos e poden agravar os efectos das enchentes.

Os obradoiros están impulsados por Augas de Galicia e inclúense no plan de xestión do risco de inundación 2021-2027. Desenvólvense en centros educativos situados en zonas con risco potencial significativo de inundación, como é o caso de Poio.

En total, estas áreas afectan a 108 concellos galegos. Desde que comezou a campaña, no curso 2023-2024, xa chegou a 74 municipios e a máis de 10.000 escolares.

Durante as sesións, técnicos especializados explican de maneira sinxela como funcionan os ríos, que é Augas de Galicia e por que as inundacións son fenómenos naturais que tamén cumpren unha función ambiental.

Para reforzar a mensaxe, o alumnado visualiza o vídeo divulgativo A aventura dunha pinga, protagonizado por Xistra, unha pinga de auga que axuda a entender por que os desbordamentos poden resultar perigosos cando se ocupan espazos que lle pertencen ao río.

A xornada complétase con pequenos experimentos científicos na aula, un concurso de preguntas para poñer a proba o aprendido e, como broche final, algún agasallo para a cativada.

No que vai de curso 2025-2026 xa se realizaron 62 obradoiros deste tipo e está previsto celebrar outros 90 nos próximos meses, superando así os 150 en total.

Esta campaña educativa complétase con outras accións divulgativas, como a instalación de paneis informativos en zonas de risco, co obxectivo de manter viva a memoria das inundacións do pasado, mellorar a percepción do risco e ofrecer pautas claras de autoprotección á veciñanza en caso de enchentes.

Coñecer os ríos, sentencian, tamén é unha forma de convivir mellor con eles.