"Espectaculares" datos turísticos en outubro en Pontevedra

Pontevedra
04 de novembro 2016

Sanxenxo despediu o mes de outubro cun 80% de ocupación hostaleira e Pontevedra logrou un 66%, segundo os datos facilitados este venres pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva

Unha parella paseando por un xardín Juan Mejuto

Sanxenxo despediu o mes de outubro cun 80% de ocupación hostaleira e Pontevedra logrou un 66%, segundo os datos facilitados este venres pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

"Son espectaculares os datos", celebrou a mandataria provincial sumando este éxito ao rexistrado durante o pasado verán e que se viu prolongado durante o mes de setembro, e agora tamén outubro.

En total a provincia de Pontevedra rexistrou un 63% de ocupación hostaleira, o que supón un incremento de máis de vinte puntos con respecto ao mesmo mes do 2015, atendendo ás cifras da Xunta de Galicia.

Por comarcas, a do Condado-Paradanta que contabilizou un 80 % de ocupación, Caldas de Reis un 79%, Deza-Tabeirós un 69%, o Salnés un 60%, Morrazo 43%, Baixo Miño 36% e Vigo 67%.

Carmela Silva destacou o empuxe do turismo termal cunha ocupación do 72%.

En canto ao turismo rural, Carmela Silva manifestou que se conseguiron cotas superiores ao 30% en comarcas como Caldas e Pontevedra, cunha media provincial que superou o 20%.

PERFIL DO TURISTA

O perfil do turista que visitou as Rías Baixas durante o pasado mes de outubro, é o dunha persoa que procede do noso país (82,13%), que se aloxa en hoteis (45%) e principalmente en Sanxenxo, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, durante 4-6 días. Estes visitantes chegaron ata a provincia de Pontevedra empregando as estradas e o avión e o principal motivo polo que nos visitaron é o lecer en xeral (50%) seguido de aspectos culturais (22%). 

Ao respecto, Carmela Silva asegurou que estes datos poñen de manifesto que o turismo nas Rías Baixas "non está xa ligado ao sol e á praia, senón a aspectos máis relacionados coa cultura e lecer, o que mostra un cambio nos hábitos das persoas que nos visitan".

A presidenta da Deputación asegurou que estes bos resultados turísticos teñen moito que ver coa climatoloxía "pero tamén coa política comunicativa" que se desenvolveu tanto desde o propio sector turístico como desde a institución provincial, "difundindo unha imaxe moderna, vangardista e innovadora do destino Rías Baixas".

Carmela Silva considera "moi atrevido" e "prematuro" falar dunha desestacionalización do turismo, un dos obxectivos que persegue o goberno provincial.