Estudan ampliar a recollida de vidro porta a porta máis alá do centro histórico

Pontevedra
19 de outubro 2018

Este sistema de recollida, do que se benefician principalmente os hostaleiros -os maiores xeradores de residuos de vidro-, podería estenderse a outras zonas da cidade. Trátase, dixo Carme Da Silva, dun servizo que " mellora moito" o funcionamento das illas de reciclaxe en todo o ámbito urbano, ao quedar os contedores de vidro só para os residuos que xeren os fogares dos pontevedreses

Campaña de sensibilización de reciclaxe de Ecovidrio Mónica Patxot

A empresa Ferrovial Servicios, responsable da recollida e xestión dos residuos sólidos urbanos en Pontevedra, estuda a instancias do goberno municipal poder ampliar a recollida de vidro porta a porta que, actualmente, limítase ao centro histórico da cidade.

A concelleira Carme da Silva avanzou que este sistema de recollida, do que se benefician principalmente os hostaleiros -os maiores xeradores de residuos de vidro-, podería estenderse a outras zonas da cidade.

Trátase, dixo Da Silva, dun servizo que " mellora moito" o funcionamento das illas de reciclaxe en todo o ámbito urbano, ao quedar os contedores de vidro só para os residuos que xeren os fogares dos pontevedreses.

A ampliación desta recollida de vidro porta a porta podería poñerse en marcha sen necesidade de modificar o actual contrato coa empresa concesionaria.

Ademais, a edil do BNG informou que o ámbito de María Victoria Moreno, Avenida de Vigo e rúa da Estación será o primeiro no que Ferrovial Servicios renovará os contedores de reciclaxe de vidro.

Estes cambios, que a partir de novembro continuará cos contedores de envases e plásticos e papel e cartón, realizaranse principalmente polas noites para reducir as molestias aos cidadáns.

En total, antes de que finalice o ano, renovaranse os contedores das 270 illas de reciclaxe do centro urbano e ampliaranse a 175 as que hai nas parroquias do rural.