As restricións vanse endurecer de maneira importante na comarca de Pontevedra e en boa parte da comunidade a partir das 15.00 horas do próximo venres 6 de novembro.
Así o anunciou este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia tras concluír a segunda reunión en dous días do comité clínico que analiza a situación da pandemia de Covid na rexión.
En concreto, Feijóo anunciou que "se restrinxen todas aquelas actividades que non sexan esenciais" en 60 municipios galegos, o 60% da poboación, entre os que se atopan Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior como zona perimetral única, pero tamén no Grove, Cambados, Vilagarcía e Vilanova de Arousa por estar estes últimos nunha taxa ascendente de contaxios superior aos 200 casos por cada 100.000 habitantes.
Isto supoñerá na práctica o peche da hostalería "agás os servizos a domicilo e recollida", estender ás novas zonas afectadas o peche perimetral, a limitación de reunión só a convivientes e outras medidas como restrinxir a práctica deportiva non federada a exercicios individuais, segundo avanzou o presidente autonómico sinalando que se está redactando o decreto que especificará con maior detalle as afeccións.
A mobilidade permitirase entre os municipios incluídos nas mesmas áreas ou en igual situación epidemiolóxica, ademais de por as excepcións xa coñecidas ante causas debidamente xustificadas..
Si se poderá manter a actividade en comercios e establecementos culturais aínda que con restricións.
"Sería máis fácil intentar un segundo confinamento pero é importante entre todos intentar evitalo porque tería consecuencias dramáticas", xustificou Núñez Feijóo ao explicar a decisión tomada polo goberno autonómico, baseada no modelo adoptado no Carballiño e a comarca ourensá e que "permitiu reducir a incidencia a máis da metade".
"As decisións que tomamos hoxe son para intentar evitar un confinamento domiciliario, ademáis de rebaixar a tensión hospitalaria", completou o dirixente galego.
Estas medidas entrarán en vigor o vindeiro venres ás 15.00 horas cunha duración en principio dun mes.