Festa no Gorgullón para celebrar o fin das obras nas rúas perimetrais do barrio

Pontevedra
28 de marzo 2022

O concelleiro de Obras urbanas, Demetrio Gómez, anunciou que o vindeiro venres 1 de abril ás seis da tarde comezará unha serie de actividades para "poñer o ramo" a esta reforma que xa está rematada

Obras de mellora nas rúas perimetrais do Gorgullón Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra organiza unha festa para celebrar a finalización das obras nas rúas perimetrais do Gorgullón.

O concelleiro de Obras urbanas, Demetrio Gómez, anunciou que o vindeiro venres 1 de abril ás seis da tarde comezará unha serie de actividades para "poñer o ramo" a esta reforma que xa está rematada.

Demetrio Gómez sinalou que a festa servirá para celebrar "tres cousas", por unha banda que "a vida vai voltando á normalidade despois de dous anos".

En segundo lugar, o Concello quere "agradecer á veciñanza" a súa colaboración e paciencia durante todo este tempo, e finalmente o resultado desta reforma que deixou un "barrio de altísima calidade".

Ás 18 horas deste venres 1 de abril comezará a festa infantil na Praza da Curtidoira e o pasarrúas. Ás 18.30 horas na rúa Sarmiento de Gamboa, preto da residencia Soremay, o Grupo Foula fará un espectáculo musical con boleros e swing para "animar ao baile".

Demetrio Gómez convidou a toda a cidadanía a participar nesta festa ou a pasearse polas rúas, especialmente "á noitiña" para comprobar a nova iluminación dunha zona da cidade que "quedou bonita".