O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e dous dos membros da Comisión de Festas de Almofrei, Camilo Pazos e Delfín Pérez, fixeron público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá os días 10 e 11 de agosto na honra de San Lourenzo e San Roque.
O programa festivo comeza o mércores 10 de agosto pola mañá cunha salva de bombas (sempre e cando se conte coa autorización pertinente) e pasarrúas a cargo da Charanga Charandonga. Ás 13 horas terá lugar a misa solemne, seguida de procesión. Pola noite a verbena correrá a cargo das orquestras Fania Blanco Show e Los Players.
O xoves 11 de agosto, terá lugar o pasarrúas a cargo da Banda ds Unión Musical de Tenorio. As 13 horas oficiarase a misa solemne seguida de procesión e tamén terá lugar a tradicional “entrega de ramo” aos novos responsables de organizar as festas para o vindeiro ano.
Pola noite, terá lugar unha gran verbena amenizada polas orquestras Miramar e Assia. De madrugada a organización prevé facer un reparto gratuíto de chocolate para repoñer forzas e seguir de festa.
O alcalde, Jorge Cubela, felicitou aos organizadores das festas de Almofrei deste ano e agradeceu o esforzo que desde a Comisión de Festas se realiza.