Fronte común do PP de Pontevedra e Poio contra o peche da rúa Reina Vitoria

Pontevedra
02 de outubro 2020

Edís das formacións locais do Partido Popular pasearon desde A Barca ata Raíña Vitoria para denunciar o prexuízo que supón para a poboación de ambos os municipios o peche ao tráfico desta vía

Os líderes do PP de Pontevedra e Poio, Rafa Domínguez e Ángel Moldes, pasean desde A Barca a Raíña Vitoria para criticar o corte desta rúa Mónica Patxot

Concelleiros do Partido Popular de Pontevedra e Poio realizaron un percorrido este venres desde a rotonda da Barca ata a rúa Raíña Vitoria en sinal de protesta contra o corte deste vial. "O Concello decidiu cortar de maneira unilateral unha das principais arterias da nosa cidade, algo que non só afecta a Pontevedra, tamén aos nosos veciños de municipios lindeiros", declarou o portavoz da agrupación pontevedresa, Miguel Domínguez, acompañado polo portavoz de Poio, Anxo Moldes.

Denuncian os populares a falta de "un estudo obxectivo e independente que demostren que o corte é viable. Mosquera afirmou que tiña os estudos de tráfico este luns en prensa. Ao día seguinte outro concelleiro recoñeceu que os mesmos se paralizaran debido á pandemia. Mentiron á prensa, aos pontevedreses e recoñecen que cortaron unha rúa sen un estudo de tráfico, un elemento básico previo a calquera corte viario".

Durante o paseo, os edís quixeron demostrar que estes cambios están a provocar dous problemas. Por unha banda, ao desviar e reordenar o tráfico que vén desde Poio a Pontevedra sen dar nin unha soa alternativa resultan en retencións moi importantes. E por outro, a total oposición da cidadanía de ambos os municipios a este corte, "que non foi acordado con ninguén”, sostén Domínguez. 

Tampouco están de acordo no Partido Popular co argumento esgrimido polo goberno local para pechar a rúa. "Péchase unha rúa durante todo o ano para garantir a seguridade duns alumnos durante pequenos períodos de tempo. Tomóusenos por parvos”. protesta.

Destaca tamén Domínguez que, durante o percorrido, atoparon comercios empapelados con carteis en contra do corte, unha reivindicación "moi positiva" porque "Poio e Pontevedra somos municipios irmáns, non nos entendemos por separado e hoxe máis que nunca debemos tender pontes e non bloquealos", rematou o líder da oposición.