A Xunta activará este mércores unha nova edición dos bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas nos negocios de proximidade adheridos.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, sinalou que esta medida está destinada a axudar a que os cidadáns "aforren nas súas compras" e impulsar un "sector clave" para a economía e vitalidade das vilas e cidades como é o comercio.
A iniciativa contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para descontos de ata 30 euros por beneficiario.
As bases para as persoas usuarias publicanse este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de que poidan descargar os bonos a partir do mércores 4 de xuño ás 9,00 horas.
As persoas consumidoras interesadas poderán descargar un bono desconto na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos -que poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria-.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.
O importe irase reducindo en función do valor da compra.
Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición da iniciativa en 2025.
Non hai límite de usuarios, pero unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo que non se teñan consumido na súa totalidade.