O goberno municipal asegura que a veciñanza da rúa Casimiro Gómez recibiu con bos ollos o proxecto para reurbanizar todo este ámbito da cidade.
Xaquín Moreda, responsable do departamento municipal de servizos urbanos básicos, considera "moi frutífera e produtiva" a reunión que mantivo cos residentes do barrio.
O edil explicoulles aos asistentes a esta xuntanza, celebrada na casa parroquial, os detalles do proxecto de reforma da rúa, na que se van a investir preto de 1,1 millóns de euros.
A intervención máis urxente é a renovación de todos os servizos soterrados da rúa, especialmente da rede de abastecemento de auga potable, xa que son frecuentes as roturas das tubaxes de fibrocemento.
Esta obra tamén inclúe a ampliación dos espazos para os peóns e a eliminación de barreiras arquitectónicas da rúa.
Ademais, tamén se inclúe a instalación de nova iluminación, mobiliario urbano e a plantación de especies arbóreas idóneas para o espazo urbano para humanizar e refrescar a rúa no verán.
A reforma estará financiada con cargo ao canon da auga que a empresa Viaqua ten que abonar ao Concello polo novo contrato de xestión do servizo.
Moreda recoñeceulles aos veciños que a reforma suporá a redución dalgunha praza de estacionamento en favor dos espazos para os peóns e confirmou que está previsto que a circulación se manteña como na actualidade.
Os asistentes realizaron varias suxestións ao respecto do proxecto, que pasarán aos técnicos redactores para que as estuden e as inclúan, de ser posible, na actuación final.