Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, moveu peza nas últimas horas. Enviou misivas aos alcaldes do distrito sanitario de Pontevedra para convocalos a unha reunión na que tamén estarán presentes o xerente da área, José Flores, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, ademais do propio conselleiro. A cita será o xoves 26 de xaneiro ás 17.00 horas no edificio da Delegación territorial da Xunta en Pontevedra.
Na carta remitida aos alcaldes, García Comesaña quere trasladar un balance do traballo realizado durante o últimos seis meses e das "melloras acadadas, sempre dentro da difícil situación que está a vivir a atención primaria en toda España polo déficit de persoal especialista en medicina familia e comunitaria que se sofre en todo o Estado".
FRONTE COMÚN DE LORES
A convocatoria preséntase como unha resposta á cita que este mércores 18 ten lugar no Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores enviou cartas tamén a todos os máximos representantes municipais de Barro, Bueu, Caldas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.
A intención de Fernández Lores é crear unha fronte común para demandar solucións para que se resolva a actual situación sanitaria debido á "deterioración continuada e sen percepción de parada" que se experimenta nos centros de saúde e hospitais públicos.
RESPOSTA DE DIRIXENTES POPULARES
Esta invitación xa foi respondida por algúns alcaldes como Telmo Martín, rexedor de Sanxenxo, con outra carta na que criticaba a Lores que "publicitara a reunión nos medios de comunicación" antes de manter un "mínimo contacto directo" sobre ese encontro. Lembra que esta semana moitos dos alcaldes acudirán a Fitur.
Telmo Martín a Fernández Lores: "a iniciativa non é de boa fe"
Martín escusa a súa ausencia alegando que a "iniciativa non é de boa fe e sospeito que, en lugar de solucións, buscas converter a situación sanitaria nunha nova fronte ou chibo expiatorio". O alcalde de Sanxenxo recoñece os graves problemas sanitarios que padecen os concellos "situación que me preocupa moito e que non vou ocultar. Por iso, esixo á Consellería de Sanidade solucións a curto e medio prazo. Algunhas delas xa se están producindo na nosa área sanitaria".
Conclúe o escrito convidando a Lores a que denuncie a negativa do goberno español a incrementar as prazas de MIR de médicos de familia e pediatras, orixe do problema, segundo Telmo Martín.
Este mesmo mércores, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o presidente local do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, convocaron aos medios de comunicación para avaliar a convocatoria realizada por Fernández Lores.
Tamén nesta mesma xornada, o propio conselleiro Julio García Comesaña acudirá ao Hospital Provincial a un acto de acreditación da Sociedade Española de Neuroloxía para a Unidade clínica de trastornos do movemento desta área sanitaria.
REUNIÓN DE REPRESENTANTES MUNICIPAIS SOCIALISTAS
Ao mesmo tempo, alcaldes, tenentes de alcaldes e portavoces socialistas mantiñan un encontro co secretario xeral provincial David Regades nas últimas horas para esixir ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que "quite xa o casco, que deixe de vendernos a moto e que se poña dunha vez aos mandos" da sanidade pública na comunidade.
Afirman que a Xunta segue deixando prazas MIR sen cubrir en especialidades crave tras a pandemia e poñen como exemplo Pneumoloxía e Saúde Mental. Os representantes municipais socialistas afirman que "non queremos máis cambios de caras na Xerencia, queremos un cambio profundo e inmediato nas políticas públicas".
Alertan do colapso sanitario que se sofre no distrito de Pontevedra e acordaron convidar publicamente á cidadanía para partir na manifestación prevista o 12 de febreiro en Santiago de Compostela, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.
Lamentan tamén que a única resposta de García Comesaña sexa culpar o Estado e o Ministerio de Sanidade de non convar máis prazas MIR cando a convocatoria deste ano foi a máis numerosa da historia cun total de 725 prazas en Galicia, expoñen tras este encontro.