O Concello de Vilagarcía e a Deputación de Pontevedra puxéronse de acordo para impulsar a segunda fase da mellora da accesibilidade na Rúa Aquilino Iglesia.
Nunha visita á zona o deputado provincial Javier Tourís confirmou que este venres a Xunta de Goberno de Deputación aprobará unha axuda de 135.000 euros a cargo do Plan +Provincia para financiar a actuación.
O goberno local unha vez liberados os fondos avanzou que se poñerá a traballar "de inmediato" dos pregos para sacar a licitación as obras.
A intervención prevista permitirá mellorar o acceso rodado, pero sobre todo a accesibilidade peonil e a seguridade das persoas.
Para iso a idea é ensanchar a vía mediante o retranqueo do muro da leira situada fronte ao parque infantil. Deste xeito, manterase a mesma liña que a alcanzada no primeiro tramo da rúa, cuxa estética se manterá creando unha vía de plataforma única.
O proxecto prevé tamén a renovación das redes de saneamento para adaptalas ás necesidades do barrio, e instalaranse canalizacións para enterrar os tendidos eléctricos e de telecomunicacións, mellorarase a iluminación pública con tecnoloxía LED e colocaranse bancos.
"Este é un barrio moi densamente poboado e que, pese a estar en pleno centro da cidade, semellaba estar lonxe debido aos malos accesos que tiña", explicou a concelleira de Mobilidade, Paola María.
Con actuacións como a humanización da rúa Duráns, da primeira fase de Aquilino Iglesia e agora con esta, "queremos resolver esta situación, conectar debidamente este lugar coa trama urbana e proporcionarlle á veciñanza que reside aquí todos os servizos e comodidades que merecen", sostivo.
O Concello de Vilagarcía lembrou ademais que paralelamente á segunda fase de mellora da accesibilidade na zona, está a xestionar o financiamento necesario para construír un segundo aparcamento disuasorio en Duráns, na leira que linda con o tramo de rúa na que se vai a intervir.
Este novo disuasorio permitirá habilitar 120 prazas de estacionamento público.