O servizo de Gardacostas de Galicia e o de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra incautaron 87,5 quilos de choco, 58 deles por non dar a talla, no porto de Tragove, no concello pontevedrés de Cambados.
Os axentes inspeccionaron un transporte no porto pero, ao non poder realizar as comprobacións oportunas, o vehículo foi custodiado até a lonxa do Berbés, en Vigo.
Alí, confirmaron que a empresa responsable transportaba produto sen a documentación que esixe a normativa, polo que comisaron os 87,5 quilos de choco que estaban a mover.
Por mor desta intervención, as autoridades comprobaron que no documento de transporte figuraban tres embarcacións, ás que se lle levantou unha acta de presunta infracción.
A primeira delas, por 25,7 quilos de choco dos cales 15,7 quilos tiñan non chegaban á talla regulamentaria, a segunda por 31,15 quilos de choco (22,15 quilos sen o tamaño mínimo legal) e a terceira por 29,3 quilos de choco, dos cales 20,8 quilos tampouco tiñan a talla requirida.
Ademais, levantouse outra acta de presunta infracción á empresa transportista polo transporte de produtos da pesca carentes de documentación e inmaturos.
As especies comisadas foron entregadas por axentes da unidade operativa de Gardacostas de Galicia a un centro benéfico.